A Xunta de Goberno Local inicia o proceso de contratación das obras da senda peonil e ciclista de acceso ao polígono de Bértoa
Adxudicado a Coregal o contrato de mantemento, conservación e mellora das zonas verdes por un importe anual de 307.508,57 euros
Luns 9 de setembro do 2019 Carballo ao día
O novo itinerario daralle continuidade á senda de Bértoa
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe o expediente de contratación das obras do itinerario peonil e ciclista de acceso ao polígono de Bértoa dende a AC-552, que permitirá darlle continuidade á senda actual entre a zona urbana e a rotonda de acceso ao parque empresarial.
O proxecto, elaborado pola Oficina Técnica Municipal, ten un orzamento de 119.948,98 euros. Dentro da convocatoria de mellora das infraestruturas dos parques empresariais, o Concello de Carballo solicitou unha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achegará 91.588,64 euros.
Nos novos xardíns vimos de colocar uns carteis pedindo a colaboración veciñal para evitar que os animais pisen as plantas
Entre os acordos adoptados hoxe pola Xunta de Goberno Local tamén figura a adxudicación do contrato de servizos de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arborado do municipio ao centro especial de emprego de Coregal Parques e Xardíns por un importe anual de 307.508,57 euros e un máximo de catro anos. O contrato garante o correcto coidado dos espazos axardinados de todo o concello, incluídos os novos que se están a acondicionar nas últimas semanas e nos que vimos de colocar uns carteis pedindo a colaboración veciñal para evitar que os animais pisen as novas plantas.
Ademais, foi adxudicada á empresa Altia Consultores SA, por un importe de 32.265 euros por tres anos de servizo, a implantación e o soporte de almacenamento, virtualización e copia de seguridade. A mercantil CIE Tecnologías SL, pola súa banda, resultou adxudicataria do contrato, por tres anos, dos servizos de soporte ante continxencias físicas e ambientais do centro de proceso de datos municipal, por un importe de 24.375 euros ao ano.
A Xunta de Goberno Local, así mesmo, aprobou facturas por 47.835,02 euros, a enaxenación de dúas fincas, situadas en Santa Comba, de titularidade municipal en proindiviso cos legatarios e herdeiros de Joaquín Tuñas Mourelle; a solicitude dunha subvención de 59.759,30 euros para o desenvolvemento de programas de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social de menores; licenzas urbanísticas e a programación do FIOT xunto cunha subvención de 30.000 euros á Asociación Cultural Telón e Aparte para a súa realización.