Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo volve a adherirse á Semana...

Carballo volve a adherirse á Semana Europea da Mobilidade cun programa aínda máis amplo e participativo

Rutas a pé, en bici, agasallos, actividades na rúa... Bota unha ollada ás actividades que desenvolveremos do 16 ao 22 de setembro

Mércores 11 de setembro do 2019 Carballo ao día

Carballo é unha das máis de 2.000 cidades de todo o mundo (476 españolas) que participan este ano na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Unión Europea para promover medios de transporte sostibles que se está a estender ao resto do planeta. O noso concello súmase á iniciativa por cuarto ano consecutivo, cun programa que segue medrando en actividades e participación. Proba disto último foi a ampla representación social no acto de presentación das actividades que celebramos hoxe á mañá coa presenza do concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e o alcalde, Evencio Ferrero, porque este ano contamos coa colaboración dos clubs ciclistas Media Ducia, Monteneme e CCCarballo, Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Sísamo, Lumieira, Un paso máis, Senda Nova, Protección Civil, Policía Local, Turismo Carballo, entidades sociais, colexios e institutos.

“Dende a Concellería de Mobilidade o que buscamos é visibilizar as novas formas que hai de moverse nunha cidade que está cada vez máis pensada para as persoas que para os coches, e esta semana ofrécenos unha pequena mostra desas formas de mobilidade para que despois se vaian incorporando á vida diaria”, explicou Juan Seoane, que agradeceu a colaboración das entidades e explicou o programa.

Aínda que a Semana Europea da Mobilidade se celebra sempre do 16 ao 22 de setembro, en Carballo este ano volven a incluírse no programa actividades na fin de semana previa, neste caso organizadas directamente por entidades. O sábado 14 é o día da xa clásica Pequerruta da Agrupación Deportiva Media Ducia, que xa ten aberto o prazo de inscrición aquí, e o domingo 15 celébrase a 7ª edición da Ruta en bicicleta por Sísamo que organiza a Asociación de Veciños Santiago Apóstol, que ten deseñado un percorrido para todas as idades por distintos puntos da parroquia con remate no Pazo do Souto.

Programa da semana

A partir do luns 16 haberá circuítos de seguridade viaria, andainas, xogos na rúa, xogos inclusivos, ruta urbana en bici, rutas guiadas pola arte urbana e polo Carballo histórico, concursos nas redes sociais, agasallos... O programa detallado pode consultarse no documento axunto.

Este ano volveremos a poñer en marcha o bicibús coa colaboración do Club Ciclista Carballo e coa participación dos catro colexios de primaria da zona urbana e o Artai. Cada día da semana o alumnado que o desexe poderá ir ao cole en bicicleta acompañado por voluntarios do Club Ciclista, Policía Local e Protección Civil, que sacará á rúa a súa unidade ciclista. A iniciativa vai dirixida a nenos/as de 6º de primaria, que poden informarse nos seus coles. Tamén celebraremos a xa clásica Festa do Pedibús para os nenos e nenas que o utilizaron o curso pasado, aos que premiaremos cunha merenda e unha actuación. Antes, o propio alumnado sinalizará con pintura as rutas ata cada cole.

Os centros educativos de secundaria e as entidades sociais poderán participar en rutas a pé pola arte urbana, guiadas por persoal de Turismo. As inscricións deben realizarse a través do formulario que atoparedes aquí. O domingo 22 tamén teremos unha ruta, aberta a toda a poboación, guiada polo historiador Xan Fraga, que nos levará polo Carballo de hai 90 anos. En colaboración coa Agrupación Cultural Lumieira distribuiremos unha publicación e descubriremos dúas placas xunto a espazos e edificios públicos emblemáticos que se construíron naquela época.

E ademais, o xoves 19 e o domingo 22 instalaremos na feira un posto informativo no que se repartirá un folleto que recolle aspectos básicos na nova Ordenanza municipal de tráfico, e ata o que poderán achegarse todas as persoas que acudan a facer as compras en bici para recoller un agasallo. Ademais de promover o uso da bicicleta, a través das redes sociais levaremos a cabo un concurso no que abondará con publicar unha foto utilizando un medio de transporte sostible e etiqueta #mobilidadecarballo para poder optar a un premio.

“Esta é unha semana que promove a Unión Europea dentro desa necesidade social e de mobilidade que é modificar comportamentos, e que os desprazamentos curtos se realicen a pé, en bici, en medios non contaminantes, porque o cambio climático está aí”, apuntou o alcalde. Ademais de agradecer a colaboración do movemento asociativo, Evencio Ferrero convidou a toda a sociedade a participar, porque “todos podemos dar pequenos pasos”, e destacou a estratexia municipal de “facer un concello inclusivo. Lévanse feito xa cousas, e queda moito por facer, pero o camiño está iniciado”, manifestou.

Descargas

Compartir: