Esta semana comeza a pavimentación do núcleo do Castrillón tras completar a instalación da rede de abastecemento de auga
Todo o rueiro interior do lugar será pavimentado con formigón
Martes 17 de setembro do 2019 Carballo ao día
Luis Lamas e Evencio Ferrero, no Castrillón
O lugar do Castrillón sumarase en breve aos de Cances Grande, O Rodo ou Vilar de Cidre, núcleos rurais singulares nos que vimos de realizar actuacións integrais de dotación de servizos e pavimentación de todo o rueiro interior con formigón. No Castrillón procedeuse á instalación da rede de abastecemento de auga, anticipándonos á extensión do servizo á zona de Baldaio, e esta semana a empresa Construcciones Vázquez y Reino ten previsto iniciar a pavimentación, segundo comunicou ao alcalde, Evencio Ferrero, e ao concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, nunha visita á zona.
A actuación que estamos a acometer no Castrillón, e que responde a unha petición do Consello Parroquial de Lema, supón un investimento de 210.056 euros.
O Castrillón é un asentamento tradicional xurdido en torno á capela de Santa Irene e cuxas edificacións manteñen en grande medida a referencia tipolóxica orixinaria. Ademais, serve de miradoiro natural desde o que se divisa gran parte do termo municipal e acolle elementos patrimoniais protexidos, tanto de carácter arqueolóxico, coma o castro de Santa Irene, coma arquitectónico, como a capela, o cruceiro e un hórreo. Por estes valores arquitectónicos, paisaxísticos e medioambientais, o núcleo no seu conxunto está protexido no PXOM.
As obras, en consecuencia, teñen en conta todos eses elementos de interese e seguen as pautas de Patrimonio para este tipo de núcleos.