O alumnado de Infantil co CEIP Xesús San Luís Romero cambia os zapatos por zapatillas tras a instalación de tarima nas aulas
A colaboración entre o Concello e o colexio fixo posible a renovación dos solos nas tres aulas de Infantil
Xoves 19 de setembro do 2019 Carballo ao día
A directora do centro, coa concelleira de Educación e o alcalde
En Finlandia, que ten un dos sistemas educativos mellor valorados do mundo, as escolas son espazos sen zapatos. Os nenos e nenas quitan o calzado ao entrar e cámbiano por calcetíns ou zapatillas. No CEIP Xesús San Luís Romero, tamén. Grazas á colaboración entre a Concellaría de Educación e o cole, as tres aulas de Infantil dispoñen agora de solos de tarima flotante, moito máis acolledores e cálidos. O claustro presentou a proposta ás familias e a acollida foi moi boa. Agora cada escolar ten as súas zapatillas no cole e cambia o calzado ao chegar.
Hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, achegáronse ata o San Luís Romero para ver como quedaron as aulas de Infantil. Ademais do solo, tamén se revestiu a parte de abaixo da parede con tarima, o que reforza a calidez do espazo. Profesorado e conserxe puxeron tamén mans á obra e pintaron as aulas, e agora só están pendentes algúns detalles de acabado e a colocación de mobiliario, que tamén se renovará.