Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un paseo polos espazos emblemáticos do...

NOVO HORARIO DE SAÍDA ÁS 12.30!

Un paseo polos espazos emblemáticos do Carballo de 1929 pechará o programa da Semana Europea da Mobilidade

O Concello de Carballo, que conta coa colaboración da Agrupación Cultural Lumieira, descubrirá o domingo cadansúa placa na Ludoteca e na Praza de Galicia

Venres 20 de setembro do 2019 Carballo ao día

A Semana Europea da Mobilidade rematará este domingo cunha ruta pola historia. Máis ca unha andaina será un paseo, que nos levará, da man do historiador local Xan Fraga, polos edificios e os espazos emblemáticos do Carballo de 1929. Porque este ano celebramos o 90º aniversario de símbolos do noso pobo como a Praza da Liberdade (hoxe Praza de Galicia), o mercado municipal e as escolas do xardín (actualmente ludoteca), e aproveitando a efeméride vimos de editar, coa colaboración da Agrupación Cultural Lumieira, unha publicación conmemorativa que repartiremos a todas as persoas que se unan este domingo á iniciativa.

Atención, porque cambia o horario de inicio! O punto de encontro será a Ludoteca Municipal ás 12.30. Nun acto presidido polo alcalde, Evencio Ferrero, e ao que están convidadas a corporación e toda a veciñanza, inauguraremos unha placa conmemorativa do 90º aniversario dese edificio, cuxa historia nos relatará Xan Fraga con todo luxo de detalles. Dende alí, e despois de coñecer tamén a orixe do actual mercado municipal, as persoas participantes realizarán un paseo pola rúa Coruña ata a Praza de Galicia, onde se descubrirá outra placa.

Últimas actividades

No bicibús do CEIP Fogar participaron hoxe máis de 20 nenos e nenas

No bicibús do CEIP Fogar participaron hoxe máis de 20 nenos e nenas

Carballo é unha das máis de 2.000 cidades de todo o mundo que participan este ano na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Unión Europea para promover medios de transporte sostibles. O noso concello súmase á iniciativa por cuarto ano consecutivo, cun programa que segue medrando en actividades e participación. Este ano contamos coa colaboración dos clubs ciclistas Media Ducia, Monteneme e CCCarballo, Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Sísamo, Lumieira, Un paso máis, Senda Nova, Protección Civil, Policía Local, Turismo Carballo, entidades sociais, colexios e institutos.

E despois dunha semana de moitas actividades dirixidas sobre todo á rapazada, a partir de hoxe tamén terán protagonismo as persoas adultas. Esta mesma tarde presentamos (Biblioteca Rego da Balsa, 18.00 horas) un vídeo sobre a mobilidade urbana en Carballo, que dará pé a unha mesa redonda sobre a estratexia de mobilidade e a ordenanza de tráfico.

Mañá saímos de ruta en bici pola zona urbana, unha iniciativa para toda a familia que nos levará por algúns dos edificios públicos da vila, con avituallamento e xincana. O punto de encontro será a Praza do Concello ás 11.30 horas, e non é preciso inscribirse. E o domingo, ademais do paseo histórico, volveremos a instalar na feira o stand de Mobilidade Carballo con discos da zona azul, información sobre a ordenanza de tráfico e un agasallo especial para todas as persoas que se acheguen en bicicleta.

Vídeos

Compartir: