Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local inicia o procedemento de...

A REURBANIZACIÓN DA RÚA BOS AIRES É UN DOS PROXECTOS EN MARCHA

A Xunta de Goberno Local inicia o procedemento de contratación de obras por case 700.000 euros

A contía máis importante corresponde a obras de saneamento nas parroquias de Lema, Oza, Razo, Rebordelos e Sofán

Luns 23 de setembro do 2019 Carballo ao día

Rúa Bos Aires

Rúa Bos Aires

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe os expedientes de contratación de tres novos proxectos de obras por un importe total de 687.700,95 euros. A contía máis importante destínase a completar as redes de saneamento en varios lugares da zona rural. En concreto, nas parroquias de Lema, Oza, Razo e Rebordelos realizarase un investimento de 182.867,41 euros, mentres que na parroquia de Sofán será preciso investir 224.058,27 euros para estender o servizo entre A Piña e Evas. A terceira actuación en marcha é a reurbanización da rúa Bos Aires, cun orzamento de 280.775,27 euros.

En materia de contratación, a Xunta de Goberno tamén aprobou a prórroga do contrato de servizos de telefonía coa empresa R Cable Telecomunicaciones Galicia, S. A. e a adxudicación a Iluminaciones Santiaguesas S. L.  do contrato de servizos de deseño, subministro e instalación do alumeado ornamental por un importe anual de 57.523,40 euros.

Na xuntanza de hoxe tamén se aceptou un convenio de colaboración con Ecoembes para a posta en marcha de medidas para a mellora da conterización da recollida selectiva de residuos. A Xunta de Goberno autorizou o pago de facturas por importe de 46.268,24 euros, deu luz verde a varios expedientes de vaos e a unha proposta de convenio urbanístico presentado por Obras Guacal S. L. para a execución da rotonda prevista na estrada AC-552 de forma simultánea coas obras do Parque Comercial A Revolta, S. L., cuxo plan parcial está en tramitación.

Fóra da orde do día aprobáronse unha solicitude á Secretaría Xeral de Igualdade para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, na súa segunda convocatoria, e a actividade Dálle un bocado ao FIOT 2019.

Compartir: