Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 1.000 persoas participaron nas...

BOA ACOLLIDA DO BICIBÚS POR PARTE DA COMUNIDADE EDUCATIVA

Máis de 1.000 persoas participaron nas actividades da Semana Europea da Mobilidade

O programa aínda se pechará este xoves, día 26, cunha ruta guiada pola arte urbana para o alumnado do colexio Artai

Martes 24 de setembro do 2019 Carballo ao día

Nenas e nenos do pedibús sinalizaron algunhas das rutas

Nenas e nenos do pedibús sinalizaron algunhas das rutas

Un total de 1.100 persoas participaron este ano nas actividades da Semana Europea da Mobilidade, organizadas pola Concellaría de Mobilidade. Carballo é unha das máis de 2.000 cidades de todo o mundo que se sumaron nesta ocasión á iniciativa da Unión Europea para promover medios de transporte sostibles, e no noso caso apostamos, sobre todo, por implicar á infancia e á mocidade para inculcar nos/as adultos/as do futuro hábitos máis saudables e respectuosos co medio ambiente.

As accións desenvolvidas nos centros educativos foron as máis participativas. Este ano todos os colexios de primaria da zona urbana participaron no bicibús, que acadou unha boa valoración de familias, docentes e alumnado, e que deixou aos nenos e nenas con ganas de repetir. A iniciativa vai destinada a escolares de sexto de primaria, e este ano foron un total de 50 os/as participantes. A maiores, nos cinco centros (A Cristina, San Luís Romero, Artai, Bergantiños e Fogar) organizáronse circuítos de seguridade viaria polos que pasaron un total de 380 nenos e nenas.

Tamén tiveron moita demanda as rutas guiadas pola arte urbana entre o alumnado de secundaria. O venres, o persoal de Turismo realizou seis visitas aos murais nas que participaron uns 250 estudantes, aos que se sumará este xoves 26 outro grupo do colexio Artai.

Outras actividades

O concelleiro Juan Seoane e os axentes de Mobilidade explicaron a nova ordenanza de tráfico

O concelleiro Juan Seoane e os axentes de Mobilidade explicaron a nova ordenanza de tráfico

Circuíto de seguridade viaria, xogos na rúa, xogos inclusivos e tres rutas en bicicleta formaron parte da programación da Semana Europea da Mobilidade, xunto cunha andaina pola Ruta dos Muíños do Pan, un interesante vídeo-fórum sobre o novo modelo de mobilidade urbana e o non menos interesante paseo guiado polo Carballo de 1929.

Este ano tamén animamos á veciñanza a participar doutros xeitos, por exemplo, a través das redes sociais e tamén utilizando a bicicleta para ir comprar á feira. Entre o xoves e o domingo pasaron polo stand de Mobilidade Carballo 20 persoas en bicicleta, que foron recompensadas cun agasallo. E, como xa é tradición, tamén quixemos valorar e agradecer o compromiso das familias que forman parte do pedibús ofrecéndolles unha merenda.

O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, quixo agradecer moi especialmente a colaboración dos clubs ciclistas Media Ducia, Monteneme e CCCarballo, Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Sísamo, Lumieira, Un paso máis, Senda Nova, Protección Civil, Policía Local, Turismo Carballo, colexios e institutos, e manifestou o seu desexo de que a mobilidade sostible se vaia incorporando cada vez máis á nosa vida diaria.

Compartir: