Inicio Carballo ao día Hemeroteca Este outono inspira profundamente e...

Este outono inspira profundamente e déixate levar pola “Esencia perenne” da Biblioteca Rego da Balsa

A literatura que máis che gusta, os contos, o teatro, o cine, a música e os obradoiros e as experiencias que che temos preparadas espertarán os teus sentidos

Venres 27 de setembro do 2019 Cultura

Este trimestre pon a punto os cinco sentidos, porque na Biblioteca Rego da Balsa queremos conquistarte coa Esencia perenne do noso outono cultural. A literatura que máis che gusta, os contos que máis fan gozar á rapazada, o teatro de pequeno formato, o humor, o cine, a música, os obradoiros... toda a programación que che temos preparada encherá as vindeiras semanas de experiencias nas que terás que agudizar a vista, o oído, o tacto, o olfacto e quen sabe se tamén o gusto, se non queres perder nada.

Porque a esencia da Biblioteca Rego da Balsa consiste precisamente niso, en encher o espazo dunha intensa e variada cultural que xira arredor da literatura, como podes comprobar no programa que podes descargar máis abaixo. Sarabela Teatro, Pedro Brandariz, Antía Yáñez, Charo Pita, Olga Brañas, Pablo Díaz ou Eli Ríos son algúns dos moitísimos nomes propios que nos visitarán este outono, no que non pode faltar o teatro porque estamos na estación do FIOT, nin as presentacións literarias porque do contrario perderíamos a nosa esencia, e tampouco as actividades que fomentan a igualdade porque estamos na estación da loita contra a violencia machista.

Entre os meses de outubro e novembro abriremos as portas da biblio á rapazada dos centros de educación infantil, e ademais contamos coa colaboración da Asociación de Irmanamento con L’Isle Jourdain para promover a cultura francesa a través do obradoiro de lectoescritura para nenos e nenas ou do club de lectura do último sábado de cada mes. E lembra que tamén podes participar no noso club de lectura, que retoma a súa actividade o 21 de outubro.

Descarga o programa e déixate levar!

Descargas

Compartir: