Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 516 persoas participaron nas...

Un total de 516 persoas participaron nas actividades do proxecto de turismo sostible “Eu quero Razo-Baldaio”

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, fixo balance acompañado por representantes das entidades colaboradoras e polos participantes na ruta xeolóxica que puxo fin á iniciativa por este ano

Sábado 28 de setembro do 2019 euqueroRB

Participantes no acto de peche da campaña

Participantes no acto de peche da campaña

Unha ruta xeolóxica puxo fin por este verán ao proxecto de turismo sostible “Eu quero Razo-Baldaio”, despois de 28 actividades nas que participaron un total de 516 persoas. “Foi un éxito, e ademais cumpriuse o obxectivo marcado, polo que intentaremos darlle continuidade á iniciativa o ano que vén”, manifestou o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, no peche da tempada.

Miguel Vales estivo acompañado polos/as participantes na actividade de hoxe e por representantes das tres entidades colaboradoras, Hábitat, Adega e Senda Nova, que, pola súa banda, destacaron o apoio e a implicación do Concello de Carballo para facer partícipe á poboación da conservación dun espazo natural de tanto valor como é o de Razo-Baldaio. Tamén se sumou á iniciativa Ecovidrio, que utilizou a imaxe da campaña nos colectores situados nas praias.

No acto tamén estivo presente Fabián Lage, “o pai” da píllara e vimbio e ferro que se converteu no símbolo da sustentabilidade e do compromiso dos carballeses e carballesas coa recollida selectiva e coa eliminacións dos perigosos plásticos do mar. Fabián Lage encargouse do armazón, e Idioa Cuesta, “a nai”, que hoxe non puido achegarse ata o litoral carballés, da plumaxe de vimbio, coa axuda dun numeroso grupo de veciños e veciñas de todas as idades.

A píllara, símbolo do programa, ten novo emprazamento

A píllara, símbolo do programa, ten novo emprazamento

A simbólica e enorme píllara, que estivo durante boa parte do verán na zona da explanada servindo de colector de envases, foi trasladada á beira do parque infantil, onde se instalará definitivamente como símbolo dos valores que pretendemos protexer no noso litoral. A zona de Razo-Baldaio alberga a colonia de píllara das dunas máis importante de Galicia, e queremos que así continúe sendo coa axuda de todas e todos.

Os datos de participación revelan que hai compromiso por parte da veciñanza: 230 inscritos/as nos obradoiros de xullo, 154 nos de agosto e 132 nos de setembro. Todas as actividades foron de balde, e incluíron rutas culturais, xeolóxicas ou interpretativas de especies coma a píllara das dunas, observacións ornitolóxicas, obradoiros de biodiversidade, saídas nocturnas, retirada de especies invasoras e xornadas de limpeza dos areias, bioblitz nas micro-reservas de flora, creación de micro-reservas e o obradoiro de cestería.

Compartir: