Comezan as obras da segunda fase da travesía de Sísamo, que se irá pechando ao tráfico por treitos para facilitar a mobilidade
O primeiro tramo afectado é o comprendido entre as rúas Papoula e Orquídea, onde se centrarán os traballos durante os primeiros dous meses e medio
Martes 1 de outubro do 2019 Carballo ao día
As obras comezaron esta semana
As obras da segunda fase da travesía se Sísamo, que abrangue dende o remate da primeira ata a rúa Nacente, de acceso ao IES Monte Neme, veñen de comezar. Dada a lonxitude do treito de vía incluído no proxecto de reurbanización, que supera os 500 metros, a empresa adxudicataria, Construcciones Cernadas S.L., en coordinación coa Policía Local e cos servizos de transporte escolar afectados, vén de establecer un plan de actuación encamiñado a facilitar a accesibilidade durante a execución dos traballos.
No primeiro treito, entre as rúas Papoula e Orquídea, os traballos durarán dous meses e medio
Con ese obxectivo, a obra dividirase en tres treitos. O primeiro, no que xa se está a traballar dende hoxe, é o comprendido entre as rúas Papoula e Orquídea, no que se centrarán as obras durante os vindeiros dous meses e medio, segundo o plan de traballo establecido. Esta semana procederase ao peche dos accesos dende a Avenida das Flores cara as rúas Rosas e Hortensias, ás que poderá accederse a través das rúas Begonias e Violetas, respectivamente. Quedan excluídos da prohibición os vehículos de emerxencias, residentes e usuarios/as de garaxes e vehículos de carga e descarga para abastecer aos comercios da zona. O tráfico procedente do centro urbano desviarase dende a Avenida das Flores polas rúas Camelas, Begonias, Avenida da Cristina, Violetas e Flor do Toxo, dende a cal volverá a incorporarse á estrada provincial DP-1901 Carballo-Sísamo.
O segundo treito da obra executarase entre Flor do Toxo e Xuncos. Será o máis longo, con catro meses de duración estimada, durante os cales tamén se habilitarán desvíos e accesos para residentes e negocios. Nos últimos tres meses da actuación completarase o proxecto ata a rúa Nacente. En todos os casos xa están deseñadas as alternativas para o tráfico nas zonas afectadas.
Se é posible respectar o plan de obra reducirase considerablemente o prazo de execución, que é de 12 meses. O orzamento acada os 800.000 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación da Coruña. A rúa contará con novos servizos urbanísticos, alumeado en columnas de aceiro inoxidable, como na fase xa executada, e en superficie habilitaranse dous carrís de tres metros de ancho con zonas de aparcamentos, e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros. En definitiva, daráselle continuidade ao modelo implantado nos primeiros metros da avenida das Flores.