PLENO ORDINARIO
A corporación municipal demanda tanto do Estado coma da Xunta máis medios para loitar contra o alzhéimer
Tres das cinco mocións presentadas pola oposición saíron adiante. Foi rexeitada unha do PSOE e TeGa retirou a súa
Martes 1 de outubro do 2019 Carballo ao día
Hora e media durou o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro, no que, ademais do expediente de suplemento de crédito que permitirá investir os 1,3 millóns de superávit do ano pasado, a corporación debateu, e aprobou nalgúns casos, as distintas mocións presentadas polos grupos da oposición.
Resumo dos acordos adoptados
- Conta xeral do 2018. Aprobada definitivamente, despois de superar o período de exposición pública sen que se presentasen alegacións, coas abstencións dos tres grupos da oposición.
- Expediente de suplemento de crédito e de crédito extraordinario. Permitirá investir os 1,3 millóns de euros de superávit do ano pasado en obras na zona rural: mellora da capa de rodadura da vía de Xamozo (Artes) a Santa María (Ardaña), mellora da capa de rodadura da vía de Paradela a Prearada (Sofán), conservación e mellora de pavimentos en varios lugares de Rus, Artes e Oza, rede de abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus) e rede de saneamento na parroquia de Artes: lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar. Neste punto votaron a favor o BNG e TeGa, mentres que PP e PSOE abstivéronse.
- Modificación do contrato do alumeado. Presentáronse dúas propostas correspondentes á revisión de prezos dos anos 2018 e 2019, nun caso a favor do Concello e noutro, da empresa concesionaria. Votaron a favor BNG e TeGa, e os outros dous grupos abstivéronse.
- Recoñecemento de compatibilidade solicitada por un traballador municipal para unha segunda actividade no sector privado. Foi denegado cos votos de todos os concelleiros agás os dous de TeGa, que se abstiveron.
- Moción de Tega para a concesión demanial directa sobre os campos de fútbol As Eiroas e O Carral aos clubs Bergantiños FC e SD Sofán. Terra Galega retirou a proposta, polo que xa non houbo votación.
- Moción do PP para reclamar ao Goberno de España a transferencia ás entidades locais de recursos derivados da participación en ingresos do Estado. Só o PP votou a favor. BNG e TeGa abstivéronse e o PSOE votou en contra.
- Moción do PSOE relativa á organización e regulamentación para a participación dos membros da corporación en todos os actos públicos e oficiais nos que deba estar representado o Concello. Foi rexeitada cos votos en contra do BNG.
- Moción do PSOE para a adhesión de Carballo a rede de Cidades amigas da infancia. Aprobada cos votos a favor de todos os grupos agás TeGa, que se abstivo.
- Moción do PP para reclamar ao Goberno de España a aprobación do Plan Integral de Alzhéimer 2019-2022. Aprobada por unanimidade despois da introdución dunha emenda por parte do BNG, que foi aceptada, para solicitar tamén á Xunta de Galicia que incremente os fondos destinados á investigación sobre a doenza e para a creación dunha rede de centros comarcais de atención aos doentes.
No apartado de rogos e preguntas o PP interesouse polos proxectos do goberno municipal para as antigas vivendas dos mestres e sobre dúas facturas pola participación no Festigal e pola adquisición de exemplares dun libro dun autor carballés. TeGa preguntou sobre os reparos da Intervención Municipal e sobre unha factura dunha actividade medioambiental infantil.