Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o contrato da obra de...

Asinado o contrato da obra de reurbanización da rúa Campo da Feira, que completará a contorna do Fórum Carballo

Nestes momentos está en execución, e moi avanzado xa, o proxecto das rúas Xílgaro, Luís Braille e Enxeñeiro Barreira

Xoves 3 de outubro do 2019 Carballo ao día

O alcalde, co representante da empresa adxudicataria, tras a sinatura do contrato

O alcalde, co representante da empresa adxudicataria, tras a sinatura do contrato

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato das obras de reurbanización da rúa Campo da Feira, adxudicadas á empresa Excavaciones y Obras Candal S. L. por 229.438,25 euros. A actuación está subvencionada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cun total de 96.800 euros, distribuídos entre as anualidades 2019 e 2020.

O proxecto inclúe a rúa Campo da Feira dende Enxeñeiro Barreira ata Fotógrafo José Vidal, así coma un treito desta última e a rúa Cuco. O obxectivo da actuación, que seguirá a mesma liña do resto do ámbito, é mellorar a calidade urbana do espazo, eliminar as deficiencias existentes nos servizos urbanísticos, consolidar aliñacións e garantir a accesibilidade e a seguridade peonil.

Con esa intención, e dadas as dimensións da rúa, crearase unha beirarrúa de 1,80 metros de ancho que dará continuidade ao itinerario peonil das rúas lindeiras. Haberá tamén unha banda de estacionamento e un único carril de circulación. O espazo da calzada delimitarase cunha varanda de aceiro. O acabado da vía completarase coa colocación de bancos, papeleiras e árbores.

Plano

Plano

En canto aos servizos, o cableado aéreo da iluminación substituirase por unha canalización soterrada, e os puntos de luz irán colocados en soportes de aceiro inoxidable. Tamén se estenderá a rede de auga e crearase unha rede separativa de pluviais e residuais. A rúa disporá tamén de instalacións para telecomunicacións e abastecemento de gas. 

Contorna do Fórum

A actuación prevista na rúa Campo da Feira permitirá completar toda a contorna do Fórum Carballo. Nestes momentos estase a traballar nestes momentos nas rúas Xílgaro, Luís Braille e Enxeñeiro Barreira, nas que estamos a realizar un investimento próximo aos 400.000 euros. As obras están moi avanzadas.

Ademais de mellorar os servizos na contorna dun edificio que rexistra cada vez máis actividade como é o Fórum Carballo, as actuacións en marcha teñen o obxectivo de dignificar o espazo de celebración da nosa tradicional feira, contribuíndo á súa promoción como punto de encontro veciñal e de actividade comercial.

Compartir: