Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicadas as obras de mellora da seguridade...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicadas as obras de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do núcleo urbano de Carballo

Aprobadas as subvencións anuais a entidades comerciais e empresariais por algo máis de 53.000 euros

Luns 7 de outubro do 2019 Carballo ao día

A rúa Fomento é unha das incluídas no proxecto

A rúa Fomento é unha das incluídas no proxecto

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión ordinaria de hoxe a adxudicación das obras de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do núcleo urbano á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino, por un importe de 189.244 euros. O proxecto será co-financiado entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, segundo o convenio asinado no mes de marzo.

Esta actuación de mellora da seguridade viaria afectará aos 43 pasos de peóns con maior intensidade de tráfico rodado e peonil do núcleo urbano, e que se sitúan nas rúas Compostela, Avenida Milagrosa, Avenida Fisterra, Vázquez de Parga, Luis Calvo, Daniel Castelao, Fomento, Gran Vía, Sol, Berdillo, Poñente, Fábrica, Malpica, Razo, Perú, Avenida Ponte da Pedra, Vicente Risco e Río Anllóns.

O tipo de traballos que se levarán a cabo variará en función da situación de cada paso de peóns, e, deste xeito, poderán centrarse na mellora da iluminación, da sinalización horizontal e vertical e/ou noutras medidas enfocadas ao calmado do tráfico.

Subvencións a entidades empresariais

Na súa xuntanza de hoxe, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a concesión de subvencións a asociacións de empresarios e comerciantes para o desenvolvemento de actividades de promoción económica ao longo deste ano.

A Asociación As Eiroas de Empresarios e Propietarios do Polígono de Bértoa recibirá unha axuda de 9.930,35 euros para un estudo de diagnose e prospectiva, un dosier corporativo e material audiovisual; o Centro Comercial Aberto terá 38.380,24 euros de axuda para o financiamento da unidade xerencial e actividades de promoción comercial e fidelización, e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) disporá de 4.787,07 euros para o Axober Work Party, actividades de formación, promoción e publicidade e gastos de persoal. En todos os casos o Concello subvenciona o 50% do orzamento das medidas propostas.

Outros acordos

A Xunta de Goberno aprobou hoxe facturas por importe de 52.620,77 euros, vaos e licenzas urbanísticas, entre elas unha para a construción dunha nave destinada a ferraxería no polígono de Bértoa.

Tamén aprobou o inicio do expediente para a contratación dos servizos de vixilancia e seguridade na Unidade de Condutas Adictivas (UCA) por 4 anos, con posibilidade de prórroga por un máis, e un orzamento anual de 37.281,23 euros. De igual xeito, puxéronse en marcha os trámites para a contratación das obras de acondicionamento de pistas forestais nas parroquias de Rus e Sofán por un total de 87.763,60 euros.

Fóra da orde do día deuse conta da sinatura dun convenio entre o Concello de Carballo e o IES Monte Neme para o desenvolvemento de prácticas formativas por parte dunha alumna.

Compartir: