Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Igualdade e Benestar...

A Concellaría de Igualdade e Benestar súmase un ano máis á celebración do Día Internacional da Nena

O lema deste ano é “Xeración Igualdade”, para celebrar os logros acadados e lembrar que quedan moitos aínda por conseguir

Xoves 10 de outubro do 2019 Carballo ao día

O 11 de outubro celébrase o Día Internacional da Nena, unha data coa que, dende hai oito anos, a Organización das Nacións Unidas (ONU) lémbranos que, malia desempeñar un papel fundamental no fogar, na sociedade e na economía, unha ampla porcentaxe de nenas en todo o mundo están en desvantaxe con respecto aos nenos e sofren discriminación de xénero.

Neste 2019 o lema da xornada é Xeración Igualdade, celebrando así os logros acadados dende a Declaración e Plataforma de Acción de Beijing e a aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno en 1990, pero lembrando tamén que son aínda moitos os compromisos pendentes. Cada ano 130 millóns de nenas de todo o mundo seguen sen escolarizar, 15 millóns de adolescentes vense obrigadas a manter relacións sexuais e 12 millóns de menores de idade son obrigadas a casar.

A concelleira Maica Ures considera prioritaria a defensa dos dereitos das nenas e dos nenos, xa que a infancia é o sector da sociedade máis vulnerable ante os conflitos sociais, políticos, económicos ou familiares. Os datos tamén están aí a nivel municipal, xa que máis da metade dos/as usuarios/as do servizo de apoio familiar do Concello de Carballo son menores.

Por iso, por segundo ano consecutivo difundimos un cartel que recolle unha parte dos moitísimos motivos que levaron á ONU a establecer a celebración do Día Internacional da Nena e que, coa imaxe dunha nena convertida en superheroína, trata de simbolizar esa “Xeración Igualdade” de nenas imparables dispostas a seguir loitando por un mundo máis xusto e igualitario.

Compartir: