Carballo sitúase entre os concellos coa mellor proporción de recollida selectiva de roupa cun contedor por cada 900 habitantes
O Concello e Humana practicamente duplican o número de contedores na vía pública, que pasan de 19 a 34
Xoves 10 de outubro do 2019 Carballo ao día
Os contedores de roupa están repartidos por todo o concello
Humana Fundación Pobo para Pobo, que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación ao desenvolvemento en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España, ampliou o número de puntos de recollida de roupa usada en Carballo para facilitar as doazóns da cidadanía. En agosto instaláronse 15 contedores máis, de maneira que o número pasou de 19 a 34.
Grazas á estreita colaboración entre ambas as partes e ao profundo compromiso do Concello coa prevención de residuos e a sustentabilidade foi posible dar un paso decisivo para lograr unha efectiva recollida selectiva de téxtil. A iniciativa consiste en case duplicar o número de puntos de recollida na vía pública para aumentar a visibilidade dos contedores, así como a accesibilidade para realizar doazóns de roupa. A finalidade é ratificar con datos obxectivos que canta maior é a contenerización e a facilidade para depositar os residuos, máis elevadas son as porcentaxes de recuperación selectiva.
En España, a proporción entre o número de contedores e habitantes sitúase en 1 por cada 5.000, un rexistro que impide conseguir niveis óptimos de recollida selectiva de téxtil. Coa ampliación levada a cabo en Carballo, a cociente é dun por cada 900 habitantes. “Queremos certificar que unha contenerización correctamente dimensionada é clave para recuperar unha maior cantidade de téxtil e cumprir os obxectivos da Unión Europea en materia de residuos”, explica o responsable de Humana en Galicia, Ricardo Rodríguez, en referencia á decisión de Bruxelas de reciclar como mínimo o 55% dos residuos municipais, incluído o téxtil, a partir de 2025. “Desafortunadamente, e a pesar de que o residuo téxtil é unha das fraccións cunha porcentaxe de valorización máis alto, apenas se recupera un 10% de todas as pezas que os galegos refugamos anualmente”, asegura Rodríguez.
Unha iniciativa similar na Comunidade de Madrid
Clasificación da roupa
Os resultados en Carballo poderanse valorar, como mínimo, ao cabo dun ano. En España só hai outro municipio onde Humana impulsa unha iniciativa similar: trátase de Rivas Vaciamadrid (Comunidade de Madrid), onde a proporción é dun contedor de téxtil por cada 400 habitantes, o cociente máis reducido en todo o país. A medida aplícase desde o pasado mes de maio e a recollida selectiva aumentou un 49% ata a data, en comparación co mesmo período do ano pasado. “Os resultados que logremos en ambos os casos servirán para avalar esta medida noutros municipios”, avanza o responsable da Fundación en Galicia.
As pezas depositadas nos contedores de Humana teñen dous destinos: o 85% trátase nas tres plantas de preparación para a reutilización da Fundación (en Madrid, Barcelona e Granada) e o resto véndese a empresas de reutilización e reciclado.