O Consello Parroquial de Goiáns fixo repaso aos principais obxectivos que se marca a veciñanza para os vindeiros anos
A modificación urbanística precisa para a construción do centro social será aprobada inicialmente no pleno de novembro
Venres 11 de outubro do 2019 Participación veciñal
O Consello Parroquial de Goiáns reuniuse o día 10
Na recentemente renovada aula de psicomotricidade da escola unitaria, na que vimos de substituír o antigo terrazo por tarima flotante, celebrouse este xoves o primeiro Consello Parroquial de Goiáns do mandato actual. Con pouca participación veciñal, os/as asistentes fixeron un repaso aos principais obxectivos marcados xa con anterioridade e que pretenden facer realidade nos vindeiros anos.
O primeiro é a construción dun centro social, o que permitiría non ter que utilizar a escola, que ten uso educativo. A este respecto, o alcalde informou de que a modificación urbanística necesaria para poder edificar no terreo elixido pola veciñanza será aprobada inicialmente no pleno de novembro, aínda que aclarou que ao tratarse dunha modificación urbanística debe recibir o visto bo da Xunta antes de aprobación definitiva, que podería facerse na próxima primavera. A partir de aí acometerase a redacción do proxecto contando coas achegas veciñais.
Unha vez máis, os veciños e veciñas de Goiáns chamaron a atención sobre o mal estado da estrada autonómica que cruza a parroquia e sobre a necesidade de mellorar a seguridade nesa travesía. Evencio Ferrero comentou que o Concello está disposto a asumir a titularidade dese treito se a Xunta acomete previamente unha actuación integral, pero polo momento non houbo acordo entre as dúas Administracións. Ademais do firme, a veciñanza demanda pasos de peóns, beirarrúas e bandas rugosas.
A que si se vai acondicionar con aglomerado é a estrada municipal de Xoane ao Piñeiro, que conta cunha consignación orzamentaria de 100.473,33 euros no Plan Único da Deputación, e que só está pendente da autorización da institución provincial para que o Concello de Carballo poida realizar a licitación.
Arranxos en fontes e ríos de lavar, beirarrúas ou melloras no saneamento foron outras das peticións da veciñanza de Goiáns, que tamén pediu un contedor para o aceite de cociña usado.