A renovación do certificado EMAS e os resultados das analíticas das augas de baño avalan a calidade das nosas praias
A Unidade de Salvamento Acuático realizou este verán 7 salvamentos e atendeu a 448 persoas nos postos de socorro
Martes 15 de outubro do 2019 Carballo ao día
Distintivo do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia vén de comunicar ao Concello de Carballo a renovación do certificado EMAS (Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría) das praias de Razo, Saíñas-Baldaio e Pedra do Sal por un ano máis. Este distintivo, considerado o máis prestixioso da Unión Europea, implica, xunto co ISO 14001, un compromiso co desenvolvemento sostible do noso litoral.
A prevención da contaminación, a mellora continua dos areais, a xestión de residuos ou a posibilidade de que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións son medidas garantidas por estes certificados europeos e que supoñen ir un paso máis aló das bandeiras azuis, que tamén ondearon este verán nas tres praias.
A renovación do EMAS, xunto cos resultados das analíticas das augas de baño, que manteñen por terceiro ano consecutivo a cualificación de excelente, avalan “a boa xestión das praias”, como indicou o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales. A maiores, en materia medioambiental, este verán desenvolveuse un programa de actividades “para dar a coñecer o medio e poñer en valor o que temos” no que colaboraron as asociacións Senda Nova, Hábitat e Adega, e no que participaron máis de 500 persoas.
Polo demais, a temporada de praias saldouse con 7 salvamentos e 448 persoas atendidas nos postos de socorrismo, na práctica totalidade dos casos por problemas leves, segundo o balance da Unidade de Salvamento Acuático, que estivo operativa entre o 8 de xuño e o 8 de setembro. O coordinador da USSA, Javier Souto, apuntou ao respecto que “máis que o socorrismo de intervención, funciona o socorrismo de prevención, de información e avisos. Este verán houbo sete salvamentos, pero o noso obxectivo é cero”.
Miguel Vales, Evencio Ferrero e Javier Souto
O tempo non acompañou ata setembro. “Dos 92 días de servizo só houbo 25 co ceo despexado”, apuntou o coordinador. Aínda así, as temperaturas foron agradables e as praias estiveron concorridas a diario. “A costa é un espazo de lecer incrible para os carballeses e para moita xente de fóra, por iso é importante a boa convivencia entre todos os usuarios e e entre todas as actividades”, engadiu Javier Souto.
Ao igual que nos anos anteriores e que no resto de Galicia, onde varios concellos tiveron que renunciar ás bandeiras azuis por non ter socorristas, este verán houbo dificultades para cubrir todas as prazas da Unidade de Socorrismo e Salvamento Acuático. “Houbo 24 socorristas e 4 técnicos sanitarios. Quedaron 7 vacantes, o que nos impediu ampliar o servizo á zona de Arnela-Leira”, explicou o coordinador da USSA, pero ese seguirá sendo o obxectivo, aseguraron o concelleiro de Medio Ambiente e o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación do balance da tempada.