Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde para cinco novos proxectos de obras que...

Luz verde para cinco novos proxectos de obras que se financiarán con cargo aos fondos adicionais do Plan Único

A Deputación Provincial da Coruña achegará un millón de euros para actuacións de mellora da mobilidade e dos servizos en 10 parroquias

Martes 15 de outubro do 2019 Carballo ao día

O abastecemento de auga a Lema é a obra máis importante

O abastecemento de auga a Lema é a obra máis importante

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén de asinar a resolución que dá luz verde a un novo paquete de 223 obras que se executarán nos concellos da provincia con cargo aos fondos adicionais do Plan Único (POS+2019), cinco delas no noso concello.

As actuacións que levaremos a cabo, e cuxa contratación poderá iniciarse en breve, son as seguintes:

  • Construción da rede de abastecemento ao núcleo de Lema: 431.876,23 euros
  • Reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia: 250.770,83 euros
  • Mellora da rodadura viaria dende Xoane ata Piñeiro (Goiáns): 100.473,33 euros
  • Mellora do acceso peonil na contorna da Milagrosa e na rúa Vázquez de Parga: 182.336,84 euros
  • Conexión aérea de luz de nova instalación nas parroquias de Carballo, Bértoa, Sísamo, Noicela, Razo, Sofán, Aldemunde, Vilela e Goiáns: 95.122,40 euros

Dende a Deputación da Coruña destacan a importancia de que o reparto dos fondos estea baseado en criterios obxectivos (poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal) e de que sexan os propios concellos os que deciden en que queren investir os fondos que lles achega a Deputación.

O POS+2019 conta aínda con outros 16,2 millóns de fondos adicionais que se destinarán integramente ao financiamento de obras financeiramente sostibles nos concellos da provincia e que se aprobarán en pleno a finais deste ano, polo que se estima que o número de obras do Plan Único podería superar as 700 ao remate do exercicio.

Compartir: