Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o contrato das obras de mellora da...

Asinado o contrato das obras de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do núcleo urbano de Carballo

O proxecto, co-financiado entre o Concello e a Deputación, inclúe actuacións de distinto tipo nas rúas con maior intensidade de tráfico rodado e peonil

Venres 18 de outubro do 2019 Carballo ao día

A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía

A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía

O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato correspondente ás obras de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do núcleo urbano, adxudicadas á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un importe de 189.244 euros. No acto formal tamén estiveron presentes o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes. O proxecto será co-financiado entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, segundo o convenio asinado no mes de marzo.

Esta actuación de mellora da seguridade viaria afectará aos 43 pasos de peóns con maior intensidade de tráfico rodado e peonil do núcleo urbano, e que se sitúan nas rúas Compostela, Avenida Milagrosa, Avenida Fisterra, Vázquez de Parga, Luis Calvo, Daniel Castelao, Fomento, Gran Vía, Sol, Berdillo, Poñente, Fábrica, Malpica, Razo, Perú, Avenida Ponte da Pedra, Vicente Risco e Río Anllóns. No plano que pode descargarse máis abaixo pode verse a situación concreta.

Actuacións previstas

O tipo de traballos que se levarán a cabo variará en función da situación de cada paso de peóns, e, deste xeito, poderán centrarse na mellora da iluminación, da sinalización horizontal e vertical e/ou noutras medidas enfocadas ao calmado do tráfico.

Para a mellora da iluminación están contempladas dúas actuacións diferentes. Nos pasos de peóns con luminarias situadas a menos de sete metros, substituirase a luminaria por unha de maior potencia; mentres que naqueles casos nos que a luminaria se atope máis alonxada de sete metros instalarase un novo punto de luz formado por unha columna cilíndrica de 6 metros de altura na que se colocará un proxector concentrador de luz que ilumine o paso de peóns.

En canto á mellora da sinalización horizontal, pintaranse os pasos de peóns con pintura termoplástica en frío, máis resistente ao paso do tempo, en branco e vermello, co obxectivo de facelos máis visibles. Ademais, instalaranse captafaros reflectores a unha cara na fronte de cada banda branca.

Para mellorar a sinalización vertical existente instalaranse paneis luminosos que ademais incorporen un texto que advirta da presenza do peón ó condutor. Tamén se incorporará un detector de presenza a ambas marxes da beirarrúa para que eses sinais luminosos só se acendan cando exista a presenza dun peón. Ademais, colocarase un sinal de limite de velocidade a 20 km/h.

Por último, aplicaranse medidas de calmado de tráfico para reducir a velocidade dos vehículos. Así, instalaranse un paso de peóns elevado e 'cojines berlineses' de goma bicolor en cinco das localizacións con maior intensidade de tráfico.

Descargas

Compartir: