Inicio Carballo ao día Hemeroteca Presentados no Consello Parroquial de...

Presentados no Consello Parroquial de Ardaña os próximos proxectos de infraestruturas que se acometerán na parroquia

A veciñanza formulou varias propostas de pequenas actuacións para mellorar a accesibilidade e a visibilidade na rede viaria

Xoves 24 de outubro do 2019 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentou no Consello Parroquial de Ardaña os próximos proxectos de infraestruturas que se acometerán na parroquia. Con cargo ao superávit do ano pasado, este mesmo ano serán contratadas, para a súa execución nos primeiros meses do 2020, dúas actuacións moi solicitadas pola veciñanza e compartidas ademais por outras parroquias lindantes: por unha banda, a rede de abastecemento de auga dende o lugar de Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus), que ten un orzamento de 323.203,69 euros, e por outra, o aglomerado da estrada de Santa María ata Xamozo (Artes).

A maiores, o concelleiro Marcos Trigo, representante do BNG no Consello Parroquial de Ardaña, informou de que tamén se acometerá en breve unha pequena obra para completar as redes de auga e saneamento en Vivente, achegando estes servizos “a dúas ou tres casas que estaban pendentes”.

Na xuntanza tamén participaron José Bello Pallas, en representación de Terra Galega, e Beatriz Neira e Rubén Lorenzo, do PP.

Evencio Ferrero e Marcos Trigo, explicando as obras previstas

Evencio Ferrero e Marcos Trigo, explicando as obras previstas

Ademais as actuacións xa en marcha, a veciñanza presentou as peticións recollidas nos distintos lugares da parroquia, moitas delas relacionadas coa mellora da accesibilidade e, sobre todo, da visibilidade na rede viaria. En concreto pediron o rebaixe do pavimento da Cesta cando se arranxen as pistas, o acondicionamento dunha pista en Vivente e outras en Quintás, a poda duns eucaliptos e uns mirtos ou a colocación dun espello en Quintáns.

Por outra banda, o Consello Parroquial transmitiu as queixas relativas aos problemas de cobertura de Internet no lugar de Castro e ás partículas que chegan no aire ata o lugar da Cesta dende a fábrica de Unemsa. Tamén se pediu que se tomen medidas con respecto a unha casa en estado ruinoso e presentouse a posibilidade de repartir os arcos luminosos que coloca o Concello entre as dúas festas da parroquia.

Compartir: