Asinado o contrato correspondente ás obras de mellora de camiños municipais de uso agrícola e forestal
Este ano actuaremos en vías das parroquias de Aldemunde, Ardaña e Rus
Xoves 24 de outubro do 2019 Carballo ao día
O alcalde e o representante da empresa
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou coa empresa Excavaciones y Obras Candal o contrato correspondente ás obras de mellora de camiños municipais 2019-2020, que foron adxudicadas por 74.892,18 euros. As actuacións levaranse a cabo nos camiños de Quintáns (Ardaña) a Gastrar (Rus), Brañas do Carrexal (Aldemunde) e Chousas Novas a Calvos (Rus).
O proxecto está incluído no plan da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para facilitar as tarefas agrícolas e forestais. Neste sentido, os traballos van encamiñados a adaptar o firme ás características do tráfico que soportan os camiños, mellorar a seguridade viaria, a integración ambiental ou a sinalización, mantendo o trazado existente.
Na zona de Quintáns e Gastrar actuarase en dous ramais de 300 e 370 metros, que teñen un ancho medio de pouco máis de 2,50 metros, e onde os veciños solicitaron a ampliación ata os 4,50 metros. Na parroquia de Aldemunde está previsto mellorar 500 metros de vía, fóra da zona de protección do dolmen de Pedra Moura. E na parroquia de Rus o obxectivo é facer transitable un treito de 920 metros do camiño de Chousas Novas a Calvos, no que tamén se ampliará a plataforma de 3 a 4,5 metros. O prazo de execución das obras é de tres meses.