Inicio Carballo ao día Hemeroteca En marcha en dez parroquias do noso concello...

En marcha en dez parroquias do noso concello proxectos do ciclo integral da auga por máis de 3 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana o expediente de contratación das obras da rede de saneamento en Taboada e A Granxa, na parroquia de Entrecruces

Venres 25 de outubro do 2019 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse hoxe ata Sísamo

Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse hoxe ata Sísamo

A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana o expediente de contratación das obras da rede de saneamento nos lugares de Taboada e A Granxa, na parroquia de Entrecruces, cun investimento de 259.959,13 euros. O proceso de contratación xa está en marcha, e as empresas teñen de prazo ata o 20 de novembro para presentar as súas ofertas económicas. O de Entrecruces é un dos novos proxectos do ciclo integral da auga que temos en marcha no Concello de Carballo, cun investimento de máis de 3 millóns de euros financiado con recursos propios e da Deputación Provincial da Coruña.

A partida máis importante corresponde á obra do abastecemento de auga a Razo, que conta con 1,6 millóns de orzamento e que está en execución. Trátase da obra de maior contía acometida nunca polo Concello de Carballo sen axuda de ningunha outra administración. A rede chegará a Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados, na parroquia de Razo, e a Vilar do Carballo, As Encrucilladas, Oza Vella, As Torres e o Rodo, na de Oza, onde se está a traballar nestes momentos.

E ademais será o punto de partida para acometer outro dos proxectos que sairá a contratación en breve: o abastecemento de auga ao núcleo de Lema, cun orzamento de 431.876,23 euros aprobado xa pola Deputación da Coruña con cargo aos fondos adicionais do Plan Único (POS+2019).

As que xa están en marcha son as obras de abastecemento de auga e saneamento nos lugares de Figueroa e Outeiro, na parroquia de Sísamo, que executa a empresa Construcciones Vázquez y Reino por 257.125 euros. Tras o reprantexamento da actuación, xa está todo listo para que a maquinaria empece a traballar, como puideron comprobar hoxe mesmo o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, nunha visita á zona. En total instalaranse case 3 quilómetros de rede de saneamento e outros tantos de abastecemento.

Esta semana rematou, ademais, o prazo de presentación de ofertas para outros dous proxectos de saneamento, un para estender o servizo entre A Piña e Evas, na parroquia de Sofán, cun orzamento de 224.058,27 euros, e outro para levalo a puntos concretos das parroquias de Lema, Oza e Rebordelos, por 182.867,41 euros.

Con cargo ao superávit do ano pasado acometeremos, ademais, o abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus), cun orzamento de 323.203,69 euro, e o saneamento dos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar, na parroquia de Artes, por 199.884,67 euros.

Compartir: