Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o contrato coa empresa que se...

Asinado o contrato coa empresa que se encargará da iluminación das rúas nas próximas festas de Nadal e San Xoán

A oferta da adxudicataria inclúe 195 arcos transversais, 30 motivos para soportes de luminarias, 1 elemento singular de gran formato e 17 decoracións en 3D

Luns 28 de outubro do 2019 Carballo ao día

A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía

A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía

O alcalde, Evencio Ferrero, vén de asinar o contrato do servizo de deseño, subministro e instalación do alumeado ornamental durante as festas de Nadal e San Xoán. O contrato terá unha vixencia inicial de 1 ano, prorrogable por períodos similares ata un máximo de 4 anos. O custe do servizo será de 57.523,40 euros ao ano.

Segundo consta no contrato, a adxudicataria, Iluminaciones Santiaguesas S.L. farase cargo do deseño, o subministro, a instalación, o mantemento e a desmontaxe dos elementos, así coma de todos os gastos que leve aparellados, dende a autorización ata a enerxía eléctrica. O Concello de Carballo poderá elixir os distintos elementos do mostrario da empresa, que sempre deberán utilizar tecnoloxía Led ou calquera outra como mínimo tan eficiente.

A oferta presentada por Iluminaciones Santiaguesas inclúe a colocación de 195 arcos transversais, 30 motivos para soportes de luminarias, 1 elemento singular de gran formato e 17 decoracións en 3D. O alumeado ornamental estará acendido do 5 de decembro ao 7 de xaneiro, ámbolos dous incluídos, e tamén durante as festas patronais. En canto á desmontaxe, establécese un prazo máximo de 10 días dende o apagado.

En canto aos espazos que deberán contar con iluminación, serán, como mínimo, os seguintes: avenida de Bértoa, Vázquez de Parga, Luis Calvo, Barcelona, Perú, Estrela, Baños Vellos, Doutor Fleming, Río Anllóns, Río Miño, avenida da Milagrosa, rúa Verdillo, Compostela, zona da Milagrosa, rúa Sol, Martín Herrera, Igrexa, San Xoán Bautista, Santa María, Coruña, Hórreo, Ponte, Desiderio Varela, Álvarez de Sotomayor, Rosalía de Castro, Valle Inclán, Colón, Cervantes, Gran Vía, Ourense, Concepción Arenal, Lugo, avenida das Flores, avenida de Bergantiños, Vila de Negreira, Praza de Galicia, Praza do Concello, rotondas das rúas Fábrica, Compostela, Vázquez de Parga, Ponte da Pedra, Ponte, avenida de Razo e rúa Sol, e accesos á vila polas estradas de Santiago, A Coruña, Malpica e Fisterra.

Compartir: