Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rematan as obras de conservación e mellora...

Rematan as obras de conservación e mellora viaria do núcleo de Castrillón

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, recolleron hoxe as impresións da veciñanza tras a execución das obras

Mércores 30 de outubro do 2019 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse hoxe ata Castrillón

Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse hoxe ata Castrillón

O Castrillón, na parroquia de Lema, é un dos núcleos rurais máis singulares do noso concello, e agora tamén é un dos mellor conservados. O Concello de Carballo vén de realizar un investimento de máis de 210.000 euros no proxecto de conservación e mellora viaria do lugar, que xa contaba con rede de saneamento e que queda preparado tamén para a chegada do abastecemento de auga. Pero o máis salientable da actuación realizada é a pavimentación con formigón de todo o rueiro: máis de 1.000 metros cúbicos en total.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse hoxe ata Castrillón, onde tiveron a ocasión de recoller as impresións da veciñanza tras a execución das obras. Os veciños e veciñas destacaron a importante mellora da accesibilidade e da mobilidade que supuxo a obra realizada, e aproveitaron para propoñer unha futura intervención no lavadoiro, que está moi deteriorado.

O Castrillón é un asentamento tradicional xurdido en torno á capela de Santa Irene e cuxas edificacións manteñen en grande medida a referencia tipolóxica orixinaria. Ademais, serve de miradoiro natural desde o que se divisa gran parte do termo municipal e acolle elementos patrimoniais protexidos, tanto de carácter arqueolóxico, coma o castro de Santa Irene, coma arquitectónico, como a capela, o cruceiro e un hórreo. Por estes valores arquitectónicos, paisaxísticos e medioambientais, o núcleo no seu conxunto está protexido no PXOM.

A intervención tivo en conta todos eses elementos de interese e seguiu as pautas de Patrimonio este tipo de lugares. No Castrillón vimos de acometer unha obra semellante ás realizadas en Cances Grande, O Rodo (Oza) ou Vilar de Cidre (Razo), continuando deste xeito co modelo de implantación de servizos de calidade nos núcleos rurais.

Compartir: