Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o contrato da senda peonil e ciclista de...

Asinado o contrato da senda peonil e ciclista de acceso ao polígono industrial de Bértoa dende a AC-552

O Concello de Carballo investirá preto de 100.000 euros na obra, que será executada pola empresa Construcciones López Cao

Xoves 31 de outubro do 2019 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou o contrato correspondente ao proxecto de construción da senda peonil e ciclista de acceso ao polígono industrial de Bértoa dende a AC-552, que será executado pola empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 96.558 euros.

O obxecto deste proxecto, elaborado pola Oficina Técnica Municipal e financiado pola Xunta con 91.000 euros, é a construción dun itinerario peonil e ciclista que permita a circulación de peóns e ciclistas non deportivos, dándolle continuidade á senda que discorre ao longo da estrada comarca e tratando de fomentar a mobilidade urbana multimodal en detrimento do vehículo motorizado. De feito, o principal obxectivo deste tipo de actuacións é a modificación da conduta e os hábitos do usuario á hora de realizar os seus desprazamentos cotiáns, en procura dunha mobilidade máis sustentable, respectuosa co medio ambiente e enerxeticamente eficiente, xa que tamén se consegue unha redución das emisións de CO2.

A senda proxectada consta duns 550 metros de lonxitude, na que se contempla ademais da pavimentación da mesma, a execución do sistema de drenaxe de augas. Os anchos dispoñibles para a senda peonil e carril bici varían ao longo do tramo de actuación, no que atopamos zonas de 12 e de 8 metros de ancho. Esa diferenza aproveitarase para a creación de franxas verdes nas zonas máis anchas.

Compartir: