Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Igualdade convida un ano...

A Concellaría de Igualdade convida un ano máis ao comercio carballés a vestir os escaparates de negro contra as violencias

Aberto o prazo de inscrición tanto para participar na campaña comercial como no curso de autodefensa e nos obradoiros “Camiñando pola igualdade”

Xoves 31 de outubro do 2019 Carballo ao día

Carballo volverá a vestir de negro contra as violencias neste mes de novembro, e dende a Concellaría de Igualdade convidamos un ano máis ao comercio a que se sume á campaña do 25N decorando de negro os seus escaparates. Os/as empresarios/as interesados/as non teñen máis que enviar un correo electrónico cos seus datos ao enderezo carballoennegro@gmail.com ou chamar ao número de teléfono 981 700 688.

Arredor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e Nenas, que se celebra o 25 de novembro, a Concellaría de Igualdade e Benestar e o Centro de Información á Muller (CIM) levarán a cabo, como todos os anos, un programa de actividades orientadas á sensibilización da poboación en xeral.

Nesa dirección vai o obradoiro “Camiñando pola igualdade”, que retomou a súa actividade esta semana e que se celebra os mércores alternos, de 19.00 a 20.30 horas, na Biblioteca Rego da Balsa.

Ademais das actividades que se darán a coñecer nos vindeiros días, este ano tamén temos previsto un curso de autodefensa para mulleres, que se celebrará os días 6 e 8 de novembro, de 10.00 a 14.00 horas, no Pazo da Cultura. O curso, organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, será impartido por un monitor da Academia Galega de Seguridade.

O prazo de inscrición segue aberto. Así mesmo, a Concellaría de Igualdade recollerá as solicitudes de mulleres interesadas en participar noutra iniciativa deste tipo en horario de tarde. O curso celebraríase de cara ao vindeiro ano sempre que exista un grupo de 15 participantes.

Compartir: