CARBALLO 2030
Carballo será un concello pioneiro en Galicia na recollida selectiva da fracción orgánica
Evencio Ferrero participou na presentación do proxecto que marcará o arranque da nova planta de compostaxe de biorresiduos domésticos de Sogama
Luns 4 de novembro do 2019 Carballo ao día
Evencio Ferrero, durante a súa intervención
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, participou hoxe en Paiosaco, xunto co alcalde da Laracha, José Manuel López, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na presentación do programa de recollida selectiva da fracción orgánica dos RSU en ámbolos dous municipios, que serán os primeiros de Galicia en utilizar a planta de compostaxe de biorresiduos domésticos de Sogama, cuxa entrada en funcionamento está prevista para comezos do ano 2020.
A posta en marcha da recollida selectiva en Carballo levarase a cabo a través dun programa de voluntariado ambiental semellante ao que participou, con moito éxito, na experiencia piloto “Ti tes a chave” que se desenvolveu no barrio da Milagrosa. O concepto e o funcionamento serán idénticos, pero agora a participación abrirase a todo o núcleo urbano. Proximamente habilitarase un posto no Mercado Municipal no que as persoas interesadas poderán anotarse, asinar o documento de compromiso e recoller o “kit de voluntariado” formado por un recipiente de 10 litros, tres atados de bolsas compostables, un tríptico informativo e unha chave para abrir o contedor. Ademais da campaña de compostaxe caseira realizaremos outra destinada a grandes produtores.
A iniciativa presentada hoxe vén reforzar o programa de compostaxe que o Concello de Carballo ten en marcha dende hai varios anos, e que conta xa con 273 famililas usuarias en todo o territorio municipal.
Cómpre lembrar que máis do 40% da bolsa negra dos fogares está composta por materia orgánica, de aí a importancia tanto de reducir a produción destes residuos, como de incrementar a súa separación e tratamento axeitados. A fabricación de compost comporta un triplo beneficio xa que contribúe á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2, garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego e tamén se reducen os custos dos servizos municipais de recollida do lixo.