OS DÍAS 9 E 10 DE NOVEMBRO, NO MERCADO MUNICIPAL
Volve ExpoVoda cunha trintena de participantes e un amplo programa de actividades complementarias
Representantes do CCA, o concelleiro de Promoción Económica e o alcalde presentaron hoxe a sétima edición do Salón Nupcial e Comuñóns
Luns 4 de novembro do 2019 Carballo ao día
Se estás planeando un bautizo, un aniversario ou un casamento, a vindeira fin de semana tes unha cita en ExpoVoda. O Salón Nupcial e Comuñóns que organiza o Centro Comercial Aberto (CCA) acada a súa sétima edición “máis forte” ca nunca, como destacou o concelleiro de Promoción Económica, na presentación. Xosé Regueira foi un dos participantes no acto xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e varios representantes do CCA.
Foi a xerente da entidade, Carmen Freire, a encargada de debullar o programa de actividades que se desenvolverán ao longo da fin de semana próxima, porque ademais dos 28 expositores que amosarán todas as novidades en organización e celebración de eventos, ExpoVoda inclúe unha proposta de ocio con degustacións gastronómicas, música, sorteos e tamén a recreación dunha voda, “aínda que seguimos intentando contar con noivos de verdade”, comentou a xerente do CCA.
Como dixo Carmen Freire, “todo aquel que teña á vista unha celebración poderá atopar información, consello especializado e incluso suxestións”. E para isto estarán na planta alta do Mercado Municipal Dmusik, Interfilm Carballo, Fanuchas creadora de dozura, Alfombra Roja Zapatería, Bodorrio, Marián Riestra Fotografía, Alonso Moda, Jenifer Vilariño Fotografía, Criss Becerra Fotografía, Mundiviajes, Anim-art, Galimusic, Aturuxo Disco, Retrátate Fotomatón, Sastrería Miguel, Finca Restaurante O Cadaval, Beauty Room, Floriforma, Mmmm! Xeados, Confitería San Luís, VisualK Vídeo, Mon Amic, Aires de novia, Neo Beat Events, Mary Kay, O Recreo Animación, Carla Romalde Música en directo e Pazo de Vilardefrancos.
O CCA agradeceu o apoio do Concello de Carballo no financiamento e no desenvolvemento do salón, que ten un orzamento de 10.000 euros. O alcalde, pola súa banda, desexou un percorrido aínda máis longo para o evento e agradeceu ao Centro Comercial Aberto “que siga organizando actividades e apostando por Carballo”.
Programa
Sábado 9 de novembro
- 11.00 Apertura e inauguración de ExpoVoda
- 13.00 Degustación
- 18.00 Recreación dunha voda civil con música en vivo a cargo de Carla Romalde
- 18.30 Degustación
- 19.00 Concerto a cargo de Os Piñeiros
- 19.30 Sorteo cheque de compra por valor de 150€
- 20.00 Peche
- 11.00 Apertura de ExpoVoda
- 13.00 Degustación
- 18.00 Recreación dunha voda civil con música en vivo a cargo de Carla Romalde
- 18.30 Degustación
- 19.00 Concerto a cargo de Os Piñeiros
- 19.30 Sorteo cheque de compra por valor de 150€
- 20.00 Peche