Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Igualdade convida...

A Concellaría de Igualdade convida á cidadanía a mobilizarse contra a violencia machista cunha nova campaña arredor do 25N

“Para a cadea! Move ficha contra a violencia machista” é o lema dunha iniciativa enmarcada, un ano máis, dentro da campaña Carballo en Negro

Martes 12 de novembro do 2019 Carballo ao día

Arredor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e Nenas, que se celebra o 25 de novembro, a Concellaría de Igualdade e Benestar e o Centro de Información á Muller (CIM) teñen deseñado un programa de actividades coas que tratan de acadar ese obxectivo. Pero este ano, ademais de participar na campaña En negro contra as violencias, que se desenvolverá do 18 ao 26 deste mes coa implicación do comercio local, a área que dirixe Maica Ures lanza un novo reto á sociedade carballesa: “Para a cadea! Move ficha contra a violencia machista”, un lema co que buscamos a mobilización e a participación social.

Ao longo de todo este mes e practicamente ata o Nadal irán pasando por distintos espazos da vila unha serie de exposicións que convidan á reflexión sobre diferentes aspectos relacionados coa violencia machista.

Do 20 de novembro ao 10 de decembro poderá verse no Pazo da Cultura a mostra Xeitos de ver: construíndo masculinidades positivas.

Do 25 de novembro ao 13 de decembro teremos unha exposición itinerante polos institutos de secundaria: Premio María Josefa Wonenburguer Planells, que leva o nome dunha investigadora e matemática que foi unha autentica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e unha científica adiantada ao seu tempo.

E tamén na Biblioteca Rego da Balsa teremos á vosa disposición a Mindjer di Guiné: Miradas desde Guinea-Bissau, da Asemblea de Cooperación pola Paz, que reúne vinte instantáneas que buscan poñer en valor a visión feminina da contorna.

Ademais das exposicións, o día 21 comezarán outro tipo de actividades. Esta primeira será unha representación teatral para o alumnado de 4º da ESO titulada “Golpes”.

O 25 de novembro, como todos os anos, celebraremos na Praza do Concello unha concentración contra a violencia de xénero.

Este ano centrámonos nas masculinidades, e por iso contaremos con todo un experto na materia, David Kaplun, da Asociación de homes pola igualdade – AHIGE, que participará os días 28 e 29 nunha actividade formativa para estudantes e que o día 28 ás 20.00 horas ofrecerá, ademais, un faladoiro sobre Novas masculinidades na Biblioteca Rego da Balsa.

O mes de decembro comezará cunha actividade moi novidosa: o 1º Maratón fotográfico Enfócate contra a violencia de xénero, aberto á participación de toda a sociedade. Podedes descargar as bases máis abaixo.

E remataremos o día 12 do mes que vén cunha charla informativa para empresas na que abordaremos as novas obrigas en materia de igualdade no ámbito empresarial e laboral.

Paralelamente continuaremos co obradoiro Camiñando pola igualdade, que precisamente naceu o ano pasado por estas datas e que perdura cunha activa e produtiva participación.

Se algunha de vos quere participar nesta ou en calquera outra actividade non ten máis que poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) no teléfono 981 700 866 ou en carballoennegro@gmail.com. Colabora neste programa o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Descargas

Compartir: