Inicio Carballo ao día Hemeroteca A participación na campaña...

A participación na campaña “Carballo en negro contra as violencias” segue a aumentar e supera xa os 150 establecementos

A Concellaría de Igualdade continúa recibindo solicitudes, polo que seguirá atendéndoas ata esgotar o material dispoñible

Mércores 20 de novembro do 2019 Carballo ao día

Aínda que o prazo rematou e a campaña xa está en marcha, a Concellaría de Igualdade segue a recibir solicitudes para participar en “Carballo en negro contra as violencias”. Á vista da gran demanda existente, o departamento que dirixe Maica Ures seguirá atendendo as peticións ata esgotar o material dispoñible. A día de hoxe son máis de 150 as empresas e entidades adheridas.

A campaña “Carballo en negro contra as violencias” arrincou este luns e prolongarase ata o día 26. Pero arredor do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e Nenas, a Concellaría de Igualdade e Benestar e o Centro de Información á Muller (CIM) teñen deseñado un programa de actividades máis amplo co lema “Para a cadea! Move ficha contra a violencia machista”, que persegue a mobilización e a participación social.

Mañá xoves ás 12 horas será inaugurada no Pazo da Cultura a mostra Xeitos de ver: construíndo masculinidades positivas, unha iniciativa da Fundación Érguete-Integración en colaboración co Concello de Carballo. A exposición poderá verse ata o 10 de decembro. Na Biblioteca Rego da Balsa xa está aberta outra exposición fotográfica, Mindjer di Guiné: Miradas desde Guinea-Bissau, da Asemblea de Cooperación pola Paz, que retrata a vida nunha localidade guineana a través das súas habitantes femininas.

Para mañá tamén está programada unha representación teatral para o alumnado de 4º da ESO titulada “Golpes”.

E, ademais, xa podes anotarte para o 1º Maratón fotográfico Enfócate contra a violencia de xénero, aberto á participación de toda a sociedade, que celebraremos o 1 de decembro. Podes descargar as bases máis abaixo.

Descargas

Compartir: