PARA A CADEA! MOVE FICHA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
A inauguración da exposición “Xeitos de ver” e a posta en escena de “Golpes” encheron de rapazada o Pazo da Cultura
As actividades arredor do 25N unen contra a violencia de xénero a entidades, centros educativos, empresas e cidadanía
Xoves 21 de novembro do 2019 Carballo ao día
Alumnado de 4º da ESO asistiu á inauguración
O Pazo da Cultura encheuse de rapazada con motivo das primeiras actividades do programa “Para a cadea! Move ficha contra a violencia machista”, unha iniciativa da Concellaría de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) que consegue unir con un mesmo obxectivo a entidades de todo tipo, centros educativos, empresas e cidadanía en xeral.
A inauguración da exposición “Xeitos de ver: construíndo masculinidades positivas”, que tivo lugar hoxe pola mañá no corredor da planta baixa do Pazo da Cultura, foi un claro exemplo. A mostra, que pode visitarse ata o 10 de decembro, é o resultado dun taller de fotografía e igualdade impartido pola Fundación Érguete-Integración a 12 persoas usuarias da entidade, intentado que elas mesmas fosen quen de detectar os comportamentos, os elementos e os diferentes aspectos da sociedade que continúan reproducindo roles e estereotipos de xénero.
Maica Ures, Rosaura Romo e Evencio Ferrero
Rosaura Romo, responsable do programa Reincorpora, foi a encargada de explicar o contido e o obxectivo da exposición aos mozos e mozas que se achegaron ata o Pazo da Cultura para participar no acto inaugural. Con eles e elas estiveron tamén a concelleira de Igualdade, Maica Ures, e o alcalde, Evencio Ferrero, quen se deixou rodear pola mocidade para instala a “ser activistas e ser conscientes de que unha sociedade xusta ten que construírse entre todas e todos, respectando os dereitos individuais de todas as persoas, independentemente de como pensen, da súa opción sexual, da súa opción individual. O respecto é fundamental, e con esta exposición tamén se pretende que haxa distintas maneiras de ver a sociedade, que debe ser inclusiva, na que todas e todos nos poidamos sentir a gusto e felices”.
Despois de visitar a exposición, o alumnado de 4º da ESO baixou un andar para asistir no auditorio á representación teatral da peza “Golpes”, na que a actriz Estíbaliz Veiga métese na pel de Pamela para contarnos a súa vida, os seus soños, o seu romanticismo e o que aprendeu dunha relación que non debeu vivir.