INFÓRMATE!
Xa temos máis de 100 familias comprometidas co proxecto “Ti tes a chave” para a recollida selectiva dos residuos orgánicos
Aos 30 grandes produtores que tamén están adheridos sumouse hoxe Vegalsa, a primeira cadea de alimentación que aposta pola compostaxe no noso concello
Xoves 21 de novembro do 2019 Carballo ao día
Despois dunha intensa mañá de visitas na carpa informativa instalada na rúa Coruña, o proxecto de recollida selectiva dos residuos orgánicos que estamos a poñer en marcha na zona urbana de Carballo conta xa con máis 100 familias adheridas. O obxectivo é chegar a 2.000, polo que a cifra de partida semella moi boa. Hoxe foi, de feito, o primeiro día de presenza na rúa do programa, que é pioneiro en Galicia e que ten como finalidade acadar o obxectivo fixado pola Unión Europea de que no ano 2020 sexa reciclado o 50% dos residuos urbanos.
Se ti tamén queres contribuír só tes que achegarte a calquera dos puntos informativose asinar o documento de adhesión. Poderás atopar ao persoal da campaña en calquera destes lugares. Toma nota:
- De luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, no local de Carballo Limpo situado nas galerías do edificio da antiga Casa de Chinto.
- De luns a venres, de 19.00 a 21.00 horas, no posto habilitado no Mercado Municipal, xunto ás escaleiras de acceso dende a Praza do Concello.
- Os xoves, de 10.00 a 13.30 horas, no stand da rúa Coruña.
- Os sábados, de 11.30 a 13.30 horas, no Centro Comercial Gadis-Híper.
Cada familia participante recibirá un kit que consta de un caldeiro de 10 litros de capacidade, tres atados de bolsas compostables personalizadas, un tríptico informativo e unha chave para abrir un dos contedores que se colocarán na vía pública para depositar os bio-residuos.
Ademais do voluntariado familiar, tamén se están a realizar visitas aos grandes produtores para deseñar una campaña á súa medida. Xa son 31 as empresas adheridas, e a última en facelo, hoxe mesmo, foi Vegalsa, a primeira cadea de alimentación de Carballo que se compromete a separar os bio-residuos nos seus dous centros de traballo na localidade e a contribuír, deste xeito, á compostaxe da materia orgánica.