Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Consello Parroquial de Artes deixa nas mans da...

O Consello Parroquial de Artes deixa nas mans da veciñanza a elección do emprazamento do novo parque infantil

O alcalde deu conta dos proxectos solicitados en anteriores xuntanzas que xa están en marcha, e que suporán un investimento de máis de medio millón de euros

Venres 22 de novembro do 2019 Participación veciñal

O Consello Parroquial de Artes celebrou este xoves a primeira xuntanza do mandato, na que o alcalde deu conta dos proxectos que foran solicitados en anteriores reunións e que xa están en marcha.

A prioridade establecida pola veciñanza fora o saneamento, e xa está en contratación a obra de ampliación da rede aos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar, que suporá un investimento de 199.884,67 e que permitirá completar a parroquia. “Quedarán algunhas casas soltas, pero son pequenas actuacións que intentaremos acometer tamén”, sinalou o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que é o representante do BNG no Consello Parroquial de Artes.

Tamén está aprobada xa a partida económica precisa para acometer a pavimentación con cemento da pista de acceso ao edificio da escola e Centro Social, que era outra das principais demandas veciñais e que xa forma parte dun proxecto de 315.474,89 euros no que tamén están incluídas actuacións semellantes nas parroquias de Rus e Oza.

A maiores acometerase a pavimentación con aglomerado da estrada municipal que une o lugar de Xamozo coa parroquia de Santa María de Ardaña, cun orzamento de 245.748,87 euros. Ademais, os representantes municipais comentaron que tamén se está estudando a posibilidade de acometer a medio prazo, dentro do plan de aglomerado de vías estruturantes,  a pavimentación da estrada que vai dende Vilar de Francos ata a estrada autonómica AC-413, en Sofán.

Unha das actuacións pendentes é a construción dun parque infantil no espazo público situado xunto á igrexa parroquial. Evencio Ferrero informou de que os xogos xa están no almacén municipal e emprazou á veciñanza a escoller a súa situación dentro dese terreo. Os membros do consello escolar consultarán coas familias do alumnado da escola unitaria e trasladarán a decisión ao Concello de Carballo. Tamén se comentou a posibilidade de pavimentar con cemento unha parte do campo da festa, unha petición que quedou marcada como próximo obxectivo.

A veciñanza solicitou, entre outras pequenas actuacións, unha serie de melloras no centro social, un punto de luz no Vilarvello e o acondicionamento da área recreativa de Santa Lucía. Tamén se puxo sobre a mesa unha nova posibilidade de aproveitamento da casa reitoral como espazo de ocio para as persoas maiores. O alcalde lembrou que se trata dunha propiedade privada, na que o Concello de Carballo só pode actuar se existe unha cesión por parte do Arzobispado, e uns veciños quedaron comprometidos a intentar realizar as xestións.

Compartir: