Inicio Carballo ao día Hemeroteca Protección Civil mellora a súa...

Protección Civil mellora a súa capacidade de actuación en caso de emerxencia cun novo camión contra incendios

O Concello de Carballo vén de investir 216.887,66 euros na adquisición dun vehículo dotado con todo o equipamento necesario

Venres 22 de novembro do 2019 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiu hoxe as chaves do novo camión autobomba contra incendios do Servizo Municipal de Protección Civil. Pero ademais dese acto simbólico, a empresa adxudicataria do subministro, Vehículos, equipamientos y carrocerías Prieto-Puga, S.L., realizou na Praza do Concello unha presentación do vehículo á que asistiron tamén o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e persoal de Protección Civil.

O coordinador do servizo municipal, Javier Souto, destacou a importancia de renovar o parque móbil para mellorar a calidade na prestación de servizos á cidadanía, xa que o vehículo do que dispoñían ata o momento, cedido no seu día polo Ministerio de Agricultura, ten 24 anos de antigüidade. Tanto no Plan de Emerxencias Municipal (PEMU) coma no Plan de Actuación Municipal en Incendios Forestais (PAM) establecíase a necesidade de dispoñer dun vehículo contraincendios para unha primeira actuación en caso de emerxencia, tanto en tempo de resposta como en medios mobilizados.

O novo vehículo, que supuxo un investimento de 216.887,66 euros, axústase ás necesidades do servizo, xa que, ademais de contar con todo o equipamento preciso, ten suspensión pneumática traseira, unha bomba cunha capacidade de 3.000 litros por minuto, unha segunda bomba de apoio desmontable, un depósito de case 4.000 litros, porta escaleiras e liña de vida na parte superior, tal como establece a normativa de prevención de riscos laborais, protección anti-envorco e anti-esmagamento de cabina, que, ademais, vén protexida cunha liña de auga por se o vehículo quedase atrapado nun incendio e unha liña de osíxeno para garantir que o aire interior sexa respirable, entre outras moitas melloras con respecto ao camión que se utilizaba ata agora.

Compartir: