Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Policía Local intensificará a...

A Policía Local intensificará a vixilancia do cumprimento da ordenanza de tenencia de animais domésticos

Os axentes reforzarán a partir da vindeira semana o control das normas que obrigan a recoller as defecacións dos cans e a pasealos suxeitos con correa e colar

Sábado 23 de novembro do 2019 Carballo ao día

A Policía Local intensificará a partir da próxima semana a vixilancia sobre o cumprimento da ordenanza de tenencia de animais domésticos. O control centrarase especialmente en dous aspectos da normativa: por unha banda, a obrigatoriedade de recoller as defecacións dos cans, e, por outra, a de pasealos suxeitos con correa e colar. O incumprimento destes dous aspectos, regulados na ordenanza municipal e sancionables, está a provocar numerosas queixas por parte das persoas usuarias das vías e os espazos públicos.

Para garantir o aproveitamento e o desfrute deses espazos por parte de toda a sociedade é preciso que todas e todos respectemos as ordenanzas que regulan determinados aspectos da convivencia no noso concello.

Nos últimos tempos incrementáronse as queixas sobre a presenza de cans soltos en parques e xardíns, polo que unha vez máis apelamos á responsabilidade e á sensibilidade dos/as propietarios/as de cans para co resto dos/as usuarios/as deses espazos. No caso de cans potencialmente perigosos, é obrigatoria a utilización de correa de menos de dous metros de lonxitude e de bozo homologado e axeitado para a súa raza, e en ningún caso poderán ser conducidos por menores de 16 anos.

Ademais da obrigatoriedade da correa, a ordenanza municipal prohibe que os/as propietarios/as de cans deixen as deposicións dos seus animais na vía pública. Dun tempo a esta parte vense detectado de maneira reiterada a presenza de deposicións en beirarrúas e zonas verdes, coas conseguintes queixas dos viandantes e moitas molestias para os servizos de limpeza e xardinería. Lembramos que os propietarios están obrigados/as a recollelas e depositalas dunha maneira hixienicamente aceptable nos colectores de lixo, nunca en papeleiras nin na rede de sumidoiros.

Estas condutas, ademais de poñer en evidencia unha falta de civismo, constitúen infraccións da normativa que poden supoñer multas económicas. Así, por exemplo, levar un can potencialmente perigoso sen bozo ou sen correa por un lugar público está considerado unha falta grave que pode significar ata 1.200 euros de sanción. Non levar bolsas para recoller os excrementos implica 50 euros de multa, e deixalos na vía pública eleva a sanción ata 250 euros.

Compartir: