Inicio Carballo ao día Hemeroteca A declaración institucional do 25 de...

APROBADA POR UNANIMIDADE POLO PLENO DA CORPORACIÓN

A declaración institucional do 25 de novembro pon o foco este ano no tratamento da violencia sexual como violencia machista

O alcalde leu na concentración veciñal celebrada ao mediodía o texto asinado polos catro grupos políticos municipais

Luns 25 de novembro do 2019 Carballo ao día

O pleno do 25N comezou cun minuto de silencio

O pleno do 25N comezou cun minuto de silencio

A declaración institucional do Concello de Carballo contra a violencia machista, que podedes descargar máis abaixo, céntrase este ano na violencia sexual. O texto asinado polos catro grupos políticos municipais introduce unha serie de demandas tanto da Xunta de Galicia coma do Goberno Central e foi aprobado no pleno ordinario deste luns 25, que comezou cun minuto de silencio.

Da Administración autonómica requírese que garanta a gratuidade da asistencia xurídica ás vítimas, que promova un programa específico de formación e que desenvolva un protocolo de atención tamén específico. Da estatal reclámase a introdución do concepto de consentimento no marco legal, a modificación da definición de violencia de xénero de acordo co Convenio de Istambul e as accións precisas que que os delitos de violencia sexual sexan instruídos nos xulgados de violencia machista. Do que se trata, en definitiva, é de que a violencia sexual sexa considerada e tratada como o que é: violencia machista.

Concentración veciñal celebrada ao mediodía diante do Concello

Concentración veciñal celebrada ao mediodía diante do Concello

A lectura da declaración institucional por parte do alcalde, Evencio Ferrero, pechou a concentración veciñal contra a violencia machista convocada pola Concellaría de Igualdade, e que se celebrou ao mediodía ás portas da Casa do Concello cunha ampla participación social. Despois de lembrar ás 52 vítimas mortais deste ano, a última hoxe mesmo, a concelleira Maica Ures abriu o acto desexando que sexa a última vez que teña que celebrarse. E ademais reiterou o compromiso do Concello de Carballo, expresado tamén na declaración institucional, de seguir a traballar dende a educación para tratar de erradicar a violencia contra as mulleres.

Actividades

Nesa liña enmárcanse, ademais da concentración do 25 de novembro, toda unha serie de actividades que se levan a cabo durante todo o ano, pero que son especialmente visibles nesta época do ano. Hoxe mesmo inauguramos a exposición itinerante Premio María Josefa Wonenburguer Planells, que percorrerá os centros de secundaria para dar a coñecer a figura da investigadora e matemática, auténtica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias.

Este ano tamén facemos fincapé nas masculinidades, e por iso contaremos con todo un experto na materia, David Kaplun, da Asociación de homes pola igualdade – AHIGE, que participará os días 28 e 29 nunha actividade formativa para estudantes e que o día 28 ás 20.00 horas ofrecerá, ademais, un faladoiro sobre Novas masculinidades na Biblioteca Rego da Balsa.

O mes de decembro comezará cunha actividade moi novidosa: o 1º Maratón fotográfico Enfócate contra a violencia de xénero, aberto á participación de toda a cidadanía, dende nenos e nenas ata maiores. Podedes descargar as bases máis abaixo.

E remataremos o día 12 do mes que vén cunha charla informativa para empresas na que abordaremos as novas obrigas en materia de igualdade no ámbito empresarial e laboral.

Se algunha de vos quere participar nesta ou en calquera outra actividade non ten máis que poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) no teléfono 981 700 866 ou en carballoennegro@gmail.com. Colabora neste programa o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Descargas

Vídeos

Compartir: