PLENO ORDINARIO DE NOVEMBRO
A corporación municipal insta á Xunta a asinar un convenio de colaboración para acometer a reurbanización integral da AC-552
Beatriz Neira Varela tomou posesión como concelleira do Partido Popular en substitución de Ricardo Vilas Otero, que dimitira no pleno anterior
Martes 26 de novembro do 2019 Carballo ao día
Evencio Ferrero felicita a Beatriz Neira despois de prometer o cargo
O pleno ordinario correspondente ao mes de novembro comezou cunha cadeira baleira nas filas do PP, pero ao remate da sesión xa estaba de novo a corporación ao completo, pois no último punto da orde do día tomou posesión como concelleira Beatriz Neira Varela, que substitúe a Ricardo Vilas Otero no grupo popular. O mesmo luns chegou a documentación que fixo posible o relevo sen necesidade de ter que agardar á próxima sesión.
Como todos os anos nesta data, a corporación aprobou unha declaración institucional contra a violencia machista, que podedes ler integramente aquí, e gardou un minuto de silencio polas vítimas ao que se sumou todo o público presente na sala.
A continuación comezaron a sucederse os temas de debate, os dous primeiros de carácter urbanístico. Con respecto á modificación puntual número 2 do PXOM, que afecta tanto a solo urbano coma rústico, todos os grupos votaron a favor agás Terra Galega, desconforme con unha das catro propostas, en concreto á relativa á variación do trazado dunha vía en Loenzo de Abaixo porque afecta a unha vivenda con licenza. As outras consisten na corrección dun erro cartográfico en Vivente (Ardaña), na modificación precisa para poder acometer a creación dun espazo público na contorna do pombal de San Miguel de Vilela e na creación dunha vía de acceso ao cemiterio de Berdillo.
Co acordo deste luns todas elas quedan aprobadas xa de xeito definitivo, o mesmo que o plan parcial de sector de solo urbanizable que afecta ao ámbito da conserveira Calvo e que ten como finalidade facilitar a ampliación da fábrica. Neste caso a aprobación foi por unanimidade.
TeGa volveu a absterse con respecto á aprobación inicial da ordenanza contra a contaminación acústica, un documento “moi técnico”, como o definiron todos os grupos, que basicamente se nutre das normativas estatal e autonómica para regular e controlar os ruídos no noso concello.
A moción do PP foi aprobada por unanimidade cunha emenda do BNG
A corporación abordou a continuación unha moción do Partido Popular relativa ao acondicionamento das beirarrúas e do saneamento na avenida de Fisterra. O grupo municipal do BNG introduciu unha emenda, que foi aprobada por unanimidade, e que implica a adopción do seguinte acordo: “Instar á Xunta de Galiza a asinar un convenio de colaboración co Concello de Carballo para acometer a reurbanización integral da AC-552 ao seu paso polo núcleo urbano. Unha vez rematadas as obras, o Concello de Carballo comprométese a asumir a titularidade dos treitos da travesía nos que se leven a cabo as actuacións de reurbanización”.
Outros asuntos
No último apartado da sesión, que se prolongou durante case hora e media, o goberno municipal deu conta do informe de morosidade correspondente ao último trimestre, que sitúa o período medio de pago do Concello de Carballo en 5,27 días.
A oposición, pola súa banda, exerceu o labor fiscalizador a través da quenda de rogos e preguntas. O PSOE presentou un rogo para que se expoña o legado de Alfredo Brañas cedido ao Concello. O alcalde convidou aos grupos a visitalo e revisalo para buscar entre todos o emprazamento máis axeitado. Tamén pediu o acondicionamento dun lavadoiro e unha pasarela para o CEIP Bergantiños.
O PP solicitou o arranxo duns problemas cos sumidoiros en Lema e máis colectores de recollida selectiva na parroquia de Artes. Terra Galega presentou varias preguntas sobre asuntos de persoal, a polémica do mural do adro da igrexa e as obras da rúa Concepción Arenal, entre outras cuestións.
Minuto de silencio