Inicio Carballo ao día Hemeroteca Inaugurada no Pazo da Cultura a exposición...

ABERTA ATA O 31 DE DECEMBRO

Inaugurada no Pazo da Cultura a exposición “Unha mirada de antano: fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”

A mostra inclúe 64 das 5.000 imaxes que tomou a fotógrafa americana nas súas dúas viaxes a Galicia

Venres 29 de novembro do 2019 Cultura

Marcos Trigo, Evencio Ferrero, María Teresa Cores e José Manuel Vilar

Marcos Trigo, Evencio Ferrero, María Teresa Cores e José Manuel Vilar

O Pazo da Cultura acolleu a inauguración de “Unha mirada de antano: fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”, unha escolma da formidable obra galega da fotógrafa pioneira e conservadora estadounidense da Hispanic Society of America. No acto participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; a coordinadora de cultura de Afundación, María Teresa Cores, e o director en A Coruña de Banca Insitucional, José Manuel Vilar.

Logo de que Marcos Trigo introducise o acto, María Teresa Cores explicou polo miúdo a mostra. “Esta exposición é una escolma do gran número de fotografías que Ruth Matilda Anderson fixo nas dúas ocasións en que viaxou a Galicia, en 1924 e 1926”, dixo. “Ela tomou arredor de 5.000 imaxes, das que case 500 están recollidas nun catálogo e das que en Carballo poderemos ver 64, bastantes máis das que soen caber noutras exposicións, pero é obrigado dicirlle ao alcalde que tedes unha sala de exposicións moi fermosa”. “Sabemos que estamos nun lugar con moita actividade, moi dinámico desde o punto de vista cultural, polo cal tamén quero darlle os parabéns á concellería por ese traballo e ese xeito de divulgar a cultura”, rematou.

“Carballo é un lugar de referencia en cultura”, salientou José Manuel Vilar, “ao que tiñamos moitas ganas de vir, e ademais cunha exposición de nivel como esta que hoxe presentamos, que pecha o ciclo, importantísimo para Abanca e Afundación, de colaboración coa Hispanic Society of America”.

A educadora Vanesa Sende guiou a visita

A educadora Vanesa Sende guiou a visita

Evencio Ferrero agradeceu a Abanca que apostase por Carballo para acoller a exposición de Ruth Matilda Anderson: “Sabemos que tardou dous anos, pero por fin chegou a unha sala que moitas veces acolleu o certame de fotografía Xosé Manuel Eirís e obras de moita calidade”. “Esperemos”, engadiu, “que esta colaboración teña continuidade no tempo porque Carballo sempre fai esforzos por seguir valorando a cultura, pero tamén é certo que nese esforzo hai entidades que son necesarias, por iso insisto no chamamento a Abanca para que siga poñendo os ollos en nós e non descoide ao noso concello”.

A presentación finalizou cunha visita guiada por Vanesa Sende, unha das técnicas de cultura e educadora de Afundación.

A exposición poderá visitarse -no 3º andar do Pazo da Cultura, de 17 a 21 horas, ata o 31 de decembro- grazas a un convenio de colaboración asinado entre o Concello de Carballo, Abanca e Afundación, enmarcado no proxecto “Corrente cultural”. A mostra vén da man da Hispanic Society of America, a prestixiosa institución que posúe no seu arquivo neoiorquino a maior colección de arte hispana fóra de España, con máis de 18.000 pezas, e galardoada co Premio Princesa de Asturias no ano 2017.

A mostra pode visitarse na sala baixo cuberta do Pazo da Cultura

A mostra pode visitarse na sala baixo cuberta do Pazo da Cultura

Ruth Matilda Anderson realizou en Galicia dúas extensas campañas fotográficas, de 1924 a 1926, que definiron a metodoloxía fotográfica da Hispanic Society. O traballo da moza Anderson converteuse na procura e recompilación de evidencias dos costumes do pobo galego, dedicándose ao que resultaba máis difícil: documentar a vida das xentes, en especial das zonas de complicado acceso. Ata entón, nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar nin a cultura material de Galicia foran obxecto de principal atención para a fotografía. O resultado do seu traballo acabou sendo un verdadeiro estudo antropolóxico.

Compartir: