O Concello investirá 182.336 euros na mellora da accesibilidade peonil no barrio da Milagrosa e na rúa Vázquez de Parga
A Xunta de Goberno Local desbloqueou tamén o proxecto de reforma e adecuación do espazo do lavadoiro público de Entrecruces
Luns 2 de decembro do 2019 Carballo ao día
Rúa Vázquez de Parga
A Xunta de Goberno Local puxo en marcha os procedementos de contratación de dúas novas obras de infraestrutura. Por unha banda, a mellora da accesibilidade peonil na contorna do barrio da Milagrosa e na rúa Vázquez de Parga, cun orzamento de 182.336,84 euros que serán financiados con cargo ao POS+ Adicional. Pola outra, a reforma e adecuación do espazo do lavadoiro público de Entrecruces, no que investiremos 53.261,90 euros, e que por fin poderá saír a contratación tras a recente recepción da autorización sectorial de Augas de Galicia, que é preceptiva.
En materia de contratación, tamén foi aprobado o expediente relativo ao contrato administrativo para a dirección técnica do Festival Internacional de Contidos Dixitais Carballo Interplay por un ano, ampliable ata catro con prórrogas anuais, e un orzamento de 54.450 euros para cada exercicio.
Fóra da orde do día foi adxudicado á empresa Atlantic Ponte 2000 S.L. o contrato de servizos de asistencia técnica para a coordinación e dinamización dun espazo colaborativo, cun orzamento de 83.426,50 euros.
Tamén foron aprobadas fóra da orde do día as subvencións para a promoción e o fomento do deporte escolar. Por unha banda, para o financiamento dos proxectos de escolas deportivas de base en horario extraescolar promovidos pola Agrupación Deportiva Escolar do CEIP Fogar e as ANPA A Braña (CEIP Canosa-Rus), A Milagrosa (CEIP Xesús San Luís Romero), Raiante (Gándara-Sofán) e San Martiño (Nétoma-Razo), así coma para monitores e coordinación da Agrupación Deportiva Escolar do CEIP Fogar. En total repartiranse 27.028,50 euros.
A Xunta de Goberno Local, por outra banda, deu o visto bo ao pago de facturas por importe de 60.710,63 euros e a unha subvención de 1.200 euros para un alumno traballador do último obradoiro de emprego de carpintería dentro da liña de fomento do emprego autónomo. Así mesmo, aprobáronse varias licenzas urbanísticas e un convenio coa Escola Lubiáns de Hóckey e a concesión dunha subvención de 3.500 euros para o III Torneo 3x3 Carballo 2019.