Inicio Carballo ao día Hemeroteca A mellora da estrada provincial da Pedra do Sal e...

A mellora da estrada provincial da Pedra do Sal e a traída de agua son as prioridades para o Consello Parroquial de Noicela e Rebordelos

O Concello de Carballo comprométese a redactar o proxecto da vía ao tempo que se seguen xestionando as cesións voluntarias do solo preciso para a ampliación

Mércores 4 de decembro do 2019 Participación veciñal

Unha das moitas cousas que unen aos veciños e veciñas das parroquias de Noicela e Rebordelos é o obxectivo común de que se mellore a estrada provincial da Pedra do Sal. A Deputación da Coruña realizou no mes de setembro un arranxo que a veciñanza considera insuficiente e continúa a reclamar como obxectivo prioritario a ampliación e o acondicionamento da recta da praia.

Das máis de 200 parcelas afectadas existe o compromiso de cesión por parte da propiedade, pero para a Deputación é insuficiente. Para evitar que a obra se siga demorando, na xuntanza do Consello Parroquial de Noicela e Rebordelos o alcalde comprometeuse a asumir dende o Concello de Carballo a redacción do proxecto ao tempo que continúan as xestións para as cesións de terreo. A veciñanza considera que debe terse en conta a expropiación, como alternativa para o caso de que non se consiga o solo de maneira voluntaria.

Entre as propostas comúns a ámbalas dúas parroquias que se puxeron sobre a mesa na última xuntanza tamén destacou a traída de auga. Evencio Ferrero lembrou que existe un compromiso de Augas de Galicia de elaborar o proxecto e de co-financiar a obra ao 50% co Concello de Carballo, pero o ente autonómico aínda no presentou o proxecto. A veciñanza queixouse das deficiencias das traídas privadas.

Puntos de luz, limpeza de gabias e arranxo de pistas tamén saíron a relucir entre os temas comúns ás dúas parroquias, antes de entrar nos propios de cada unha delas.

Peticións individuais

En Noicela continúa sen solución o aparcadoiro da igrexa parroquial, e mentres non se acada un acordo sobre o terreo propúxose unha regulación alternativa do tráfico para evitar os problemas actuais en determinados días. Tamén está pendente a construción dun parque infantil por discrepancias entre a veciñanza sobre o seu emprazamento.

En canto á seguridade viaria, que é unha demanda de case todos os consellos parroquiais, en Noicela piden un quitamedos, o arranxo de dous buratos na zona do Cabo e no Rapadoiro, seguen insistindo na demanda á Deputación da ampliación da ponte de Feixe e queren máis coxíns berlineses na estrada local. Tamén solicitan arranxos na antiga escola de Noicela, marquesiñas e máis actividades no Centro Social de Imende. O reforzamento do servizo de recollida de lixo e a instalación de un contedor de aceite foron outras demandas.

En Rebordelos a veciñanza quéixase do exceso de velocidade dos vehículos e piden medidas para reducila, así coma outras melloras na rede viaria. Ademais, insisten en que continúan os problemas cos códigos postais malia as xestións realizadas por parte do Concello con Correos.

Compartir: