O Memorial Loli Varela figura por primeira vez no calendario de actividades da Federación Galega de Baloncesto
A homenaxe, que se celebrará este venres 6 de decembro, inclúe tres partidos de baloncesto e dous de balonmán
Mércores 4 de decembro do 2019 Deporte
O pavillón Vila de Noia acollerá o venres 6 de decembro, entre as 10 e as 20 horas, o IV Memorial Loli Varela, que organizan Carballo Deporte, Concello de Carballo, Centro Plurilingüe Artai e Club Baloncesto Artai, en colaboración coa Escola Básket Xiria, Escolas de Balonmán Xiria, Un Paso Máis, ACB Costa da Morte, CB Arteixo, Deputación da Coruña, Deporte Galego, Gadis, Conservas Calvo e a Federación Galega de Baloncesto, que este ano decidiu incluír o evento no seu calendario de actividades.
Por cuarto ano consecutivo Carballo celebrará unha merecida homenaxe a quen foi unha das figuras máis destacadas do tecido asociativo e deportivo do concello, implicada na creación e pulo da sección de balonmán de Xiria e do Club Baloncesto Artai, así coma na fundación de Un Paso Máis, entre outras iniciativas.
O venres o deporte carballés lembrará tamén a Fidel Nión, falecido en 2018, parella de Loli Varela e impulsor das dúas primeiras edicións do Memorial.
Presentación
O IV Memorial Loli Varela presentouse esta mañá na casa do concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; a directora do Centro Plurilingüe Artai, Macarena Mato; a xogadora do Goldie Xiria, Jessica Pose; o presidente do CB Artai, Joaquín Moreira, e os directivos do CB Arteixo Fran Lozano e Daniel Fraga.
Marcos Trigo salientou a figura da homenaxeada, “unha persoa que traballou arreo polo deporte en Carballo, como demostra o número de entidades que están aquí hoxe representadas, e outras que non puideron vir, e que promoven ou participan moi activamente no memorial”.
“A celebración desta homenaxe”, explicou Joaquín Moreira, “ten dobre sentido; primeiro porque é indiscutiblemente un dos nomes propios importantes do deporte no Artai pero tamén en todo o concello de Carballo; e segundo porque desgraciadamente non só Loli nos deixou moi nova, senón tamén o seu home, Fidel Nión, falecido só dous anos despois de ser o promotor das días primeiras edicións do memorial”.
Moreira agradeceulle ao Concello a cesión do pavillón Vila de Noia, “e máis tendo en conta a gran cantidade de actividades deportivas que se celebrarán en Carballo este venres festivo: xadrez, balonmán e pádel, ademais do noso evento”.
O alcalde animou ao Club Baloncesto Artai “a seguir lembrando ás persoas que tiveron un compromiso evidente co deporte de Carballo. No caso de Loli, o bonito é que, ademais, ese compromiso foi en distintas entidades deportivas: Loli sempre estaba onde ela entendía que máis facía falta. Os memoriais son para lembrar, para recoñecer e para agradecer”. “As instalacións municipais”, rematou, “están para ser usadas, así que canta máis actividade haxa mellor”.
Horarios
Serán cinco os partidos que se disputen na xornada, tres de baloncesto e dous de balonmán, nos seguintes horarios:
- 10.00. BALONCESTO (cadete feminino): Xestoría Queijo EBX Artai-ACB Costa da Morte.
- 12.00. BALONCESTO (infantil feminino): Turismo Carballo Artai EBX-CB Arteixo Duacode.
- 16:00. BALONCESTO (júnior feminino): Seguros Sueiro Artai EBX-Ex xogadoras de Artai e Xiria.
- 17:30. Entrega de agasallos e trofeos por parte das entidades organizadoras e colaboradoras a familiares de Loli Varela e Fidel Nión.
- 18:00. BALONMÁN (feminino): Goldie Xiria Turismo Carballo (sénior)-Hierros Varela Urbieta (cadetes de segundo ano).
- 19:00. BALONMÁN (feminino): Punta del Este (infantil)-Hierros Varela Urbieta (cadetes de primeiro ano).