Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Cruz Vermella pon en marcha unha nova...

COLABORA ATA O 22 DE DECEMBRO!

A Cruz Vermella pon en marcha unha nova campaña de recollida de xoguetes co obxectivo de chegar a 110 nenos/as

A asemblea local da entidade conta coa colaboración, un ano máis, da Escola Basket Xiria e do Concello de Carballo

Mércores 4 de decembro do 2019 Carballo ao día

A Cruz Vermella quere que os Reis Magos cheguen este ano ás casas de 110 nenos e nenas que, probablemente, doutro xeito non recibirían agasallos. Pero para que iso sexa posible resulta imprescindible a solidariedade veciñal, e por iso hoxe arrincou unha nova campaña de recollida de xoguetes, unha iniciativa clásica dentro das moitas que desenvolve a entidade ao longo do ano.

E un ano máis, a Cruz Vermella conta, sobre todo, cunha colaboradora de excepción: a Escola Basket Xiria, que non só recollerá doazóns de xoguetes nos adestramentos e partidos senón que tamén achegará voluntariado para empaquetalos.

Representantes de ámbalas dúas entidades e do Concello de Carballo, que é outro dos colaboradores, participaron hoxe na presentación da campaña.

Primitivo Reguera, vicepresidente da Escola Basket Xiria, cualificou esta experiencia, que se vén repetindo dende hai xa varios anos, como “moi bonita”, e agradeceu a posibilidade de participar nela. Con el estiveron Ángeles López, tesoureira do club, e Rubén Añón, adestrador.

O presidente da Asemblea Local da Cruz Vermella, Roberto Mallo, que acudiu acompañado pola coordinadora da entidade, Ana Veira, explicou que a campaña ten un dobre obxectivo: “Promover a inclusión das familias achegando xoguetes a fogares con poucos recursos, e tamén destacar a importancia do xoguete e do xogo na educación e na socialización dos nenos e nenas”. Nese sentido búscanse xoguetes non sexistas, nin bélicos, preferentemente sostibles e que fomenten a colaboración entre os nenos e nenas, e tamén novos, fundamentalmente para evitar a discriminación e tamén por cuestións de seguridade.

As persoas que queiran colaborar poderán entregar os xoguetes ata o día 20 na sede da Asemblea Local da Cruz Vermella e na Biblioteca Rego da Balsa, e ata o día 22 nos adestramentos e partidos da Escola Basket Xiria

A concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, insistiu na importancia do xogo como elemento socializador e na importancia de escoller ben os xoguetes, “xa que estamos promovendo e perpetuando roles e estereotipos cos que levamos moito tempo convivindo”. Dende o seu departamento reforzarase, de feito, esta campaña co reparto dun decálogo que axudará ás familias a escoller os xoguetes.

As persoas que queiran colaborar poderán entregar os xoguetes ata o día 20 na sede da Asemblea Local da Cruz Vermella, situada nas antigas vivendas dos mestres, e na Biblioteca Rego da Balsa, e ata o día 22 nos adestramentos e partidos da Escola Basket Xiria.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pechou a presentación felicitando á Cruz Vermella pola iniciativa e á Escola Basket Xiria por apoiar campañas que promoven “a inclusión, o respecto, a igualdade e a solidariedade”. O alcalde destacou que en épocas coma a actual “hai que estar moi sensible coa realidade social na que nos movemos, e a realidade é que hai moitos nenos que necesitan eses xoguetes”.

Compartir: