Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello presenta á cidadanía o...

O Concello presenta á cidadanía o plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados antes da aprobación inicial

O venres 13, ás 19.00 horas, celebrarase no CEIP Nétoma-Razo unha xuntanza aberta a todas as persoas, entidades e empresas interesadas

Xoves 5 de decembro do 2019 Carballo ao día

Dous anos despois da primeira xuntanza coa veciñanza previa á elaboración do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo, o Concello de Carballo volve a convocar á cidadanía para presentar o documento que se someterá a aprobación inicial tan pronto como se reciban os informes, preceptivos e vinculantes, dos departamentos autonómico e estatal de Costas, que teñen un prazo de un mes para emitilos. A cita será o vindeiro venres 13, ás 19.00 horas, no CEIP Nétoma-Razo. Ademais da exposición do documento, que se axustou ao prazo de elaboración previsto, o equipo técnico redactor tratará de resolver as dúbidas que poidan ter as persoas asistentes.

Unha vez máis, dende a Concellaría de Planificación e Estratexia Urbana faise un convite a todas as persoas, entidades e empresas interesadas para que non desaproveiten a ocasión de ver os resultados dun proceso que moi participativo dende o comezo. Despois da aprobación inicial, o plan especial estará exposto ao público durante dous meses para posibles alegacións, e ademais de proceder á súa publicación enviaranse notificacións individuais a todos os titulares catastrais da zona afectada.

O obxectivo do plan especial de Arnados é a ordenación integral dunha superficie de 312.811 metros cadrados, que se corresponde co solo rústico existente entre o núcleo de Razo da Costa ata o monte Peados, aproximadamente. Por unha banda, o documento ten que cumprir os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL) para esa zona, preservar o medio ambiente do litoral costeiro, os espazos naturais e a paisaxe, e recuperar e protexer as áreas degradadas e os areais. Pero ademais de garantir a protección, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito. Neste sentido, o estudo serve para delimitar as áreas susceptibles de acoller, por exemplo, aparcamentos, actividades deportivas, instalacións turísticas compatibles ou accesos ás praias.

Compartir: