O CEIP Nétoma-Razo estrea biblioteca con mobiliario adaptado e accesible para todo o alumnado
O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, visitaron o renovado espazo que vén de acondicionar o Concello de Carballo
Luns 9 de decembro do 2019 Carballo ao día
A partir de agora, no CEIP Nétoma-Razo vai ser moito máis doado fomentar o hábito da lectura, porque o colexio xa dispón dunha biblioteca na que, ademais de dar gusto entrar, todo está pensando para o seu uso por parte de todo o alumnado. O Concello de Carballo vén de realizar unha renovación total do espazo que incluíu a instalación dun novo solo, o pintado e, sobre todo, a colocación de mobiliario a medida, adaptado e accesible dende as idades máis temperás.
O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, tiveron a ocasión de visitar a renovada biblioteca acompañados pola directora do cole, que agradeceu o investimento realizado para que os libros poidan estar á altura da cativada. A biblioteca do CEIP Nétoma-Razo, que dispón incluso dunha bancada con almacenaxe, é agora un espazo axeitado para fomentar a súa utilización por parte do alumnado e o traballo en equipo.