A campaña comercial “Agasalla Carballo” volve a acadar o máximo de participación cun cento de establecementos
O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, reuniuse cos/as comerciantes para preparar o inminente arranque da iniciativa
Mércores 11 de decembro do 2019 Carballo ao día
A Concellaría de Promoción Económica volve a apostar moi forte polo comercio local este Nadal para incentivar o consumo nos establecementos de proximidade fronte ás grandes superficies e a Internet. Este ano volvemos a contar cun cento de establecementos participantes, o máximo que nos resulta posible admitir por cuestións organizativas.
A campaña arrancará este venres 13, e coma sempre incluirá moitos atractivos que se desvelarán mañá xoves, na presentación que se celebrará ás 12.15 horas na Casa do Concello. Para ultimar todos os preparativos, este martes á noite celebrouse no Fórum Carballo unha xuntanza na que participaron o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; a técnica da OPE, Paula Lema, e boa parte dos/as cen participantes.
Este ano hai novidades no funcionamento da campaña, pero o que non cambia son os importantes premios aos que poderá acceder a clientela do comercio local nin as actividades paralelas que se desenvolverán ata o 5 de xaneiro . A Concellaría de Promoción Económica farase cargo do custe de todo o programa.
Todo elo vai acompañado dunha vistosa campaña de promoción coa mensaxe “Agasalla Carballo”, que pode verse xa polas rúas, xunto cos novidosos decorados de Nadal que están instalados en varias rúas do centro, e que teñen como obxectivo contribuír á creación do ambiente festivo propio destas datas. Neste sentido, dende a Concellaría de Promoción Económica e dende o Concello de Carballo quere agradecerse a colaboración das empresas Dixardín e Vázquez e Reino, xa que a primeira contribuíu co axardinamento dos catro decorados e a segunda faise cargo do custe das figuras colocadas na rúa Valle Inclán.