As entidades secundan a proposta do goberno local para construír un edificio de uso social na parcela das antigas vivendas dos mestres
Cada asociación presentará o seu programa de necesidades, ao tempo que dende o Concello se inicia o procedemento urbanístico preciso para acometer o proxecto
Mércores 11 de decembro do 2019 Carballo ao día
A reunión celebrouse o martes 10 no salón de plenos
A práctica totalidade das entidades que desenvolven a súa actividade no eido social no noso concello participaron este martes á noite nunha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, para falar dun proxecto prioritario neste mandato: a construción dun edificio que poida dar resposta ás necesidades de espazo de Afaber para o seu centro de día pero que ao mesmo tempo dea cabida a todo o movemento asociativo relacionado coa prestación de servizos sociais.
O emprazamento do edificio está claro dende hai tempo, pero o movemento asociativo tamén secunda unanimemente a proposta do goberno municipal para demoler os catro bloques das antigas vivendas dos mestres, que non reúnen condicións de accesibilidade nin habitabilidade, e construír no seu lugar un novo inmoble que permita atender as necesidades de espazo das entidades, ademais de crear unha praza pública que complemente os servizos que prestan e da que poida gozar toda a cidadanía.
Vivendas dos mestres
A parcela das antigas vivendas dos mestres, situada na rúa Vázquez de Parga, ten unha superficie de 2.217 metros cadrados. Na actualidade están edificados 2.290 metros cadrados, que se reparten en catro bloques de seis pisos cada un. Nos anos 1996 e 2006 foran desafectados os que ocupan a Cruz Vermella e a Asociación Antidroga Vieiro, ademais do CRA Ponte da Pedra, pero o ano pasado tramitouse a desafectación de todos os demais, que xa son propiedade do Concello de Carballo.
O alcalde comprometeuse a iniciar de inmediato o procedemento urbanístico, que non se prevé demasiado complicado porque xa está previsto no PXOM. Ao mesmo tempo, e de cara á elaboración do proxecto de construción do edificio, cada unha das entidades sociais comprometeuse tamén a presentar o seu programa específico de necesidades para que o deseño final dese espazo solidario responda o máis fielmente posible á realidade social do noso concello.