Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo reforza o seu atractivo comercial este...

Carballo reforza o seu atractivo comercial este Nadal cunha intensa campaña impulsada dende a Concellaría de Promoción Económica

Comprar nos comercios carballeses ten premio, e ademais redobramos a oferta cultural co programa "Somos rúa, facemos arte" e cos xogos infantís no Mercado Municipal

Xoves 12 de decembro do 2019 Carballo ao día

Patricia Mañana, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Paula Lema presentaron a campaña

Patricia Mañana, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Paula Lema presentaron a campaña

Que Carballo sexa un centro comercial sen teito durante as próximas festas de Nadal é o obxectivo principal da campaña Agasa Carballo, a proposta da Concellaría de Promoción e Turismo para incentivar as compras no comercio local, ofrecendo ademais alternativas para o tempo de lecer de nenos e adultos, tanto nas rúas como no Mercado Municipal, e incorporando novos elementos decorativos para axudar a vestir a vila de Nadal. 100 firmas comerciais (102 establecementos) participaran nunha campaña con moitos cambios en relación ás últimas edicións. Contámoschos.

Comprar en Carballo na Campaña de Nadal sempre compensa, propón o Concello. Quen merque nalgún dos 102 comercios adscritos á campaña entre o 13 de decembro e o 5 de xaneiro poderá optar a centos de premios. Cunha primeira compra superior a 20 euros entregarase unha tarxeta, e sempre que o gasto neses comercios supere os 20 euros selarase a tarxeta; completados cinco selos de cinco comercios distintos, o cliente entrará nun sorteo de 4 paquetes, para 3 persoas cada un, de aloxamento e entradas ao Parque Warner ou a Port Aventura. Pero hai máis premios:

  • 2 selos: válido para un sorteo de 10 tablets.
  • 3 selos, premio directo: un caderno de Derrubando muros con pintura.
  • 4 selos, premio directo: un almorzo, xantar ou cea para 2 persoas en cafetarías e restaurantes de Carballo.
  • 5 selos: válido para un sorteo para ir ao Parque Warner e a Port Aventura.

Os premios poderán recollerse no Museo de Bergantiños até o 9 de xaneiro de 2020. No caso dos premios directos, con ensinar a tarxeta cos cuños os ganadores xa o poden recoller no momento. No caso dos sorteos, hai que presentar a tarxeta, tamén no Museo, e cubrir un boleto cos datos persoais e depositalo nunha urna. O sorteo terá lugar o sábado 11 de xaneiro de 2020 ás 12 horas. As bases e toda a información sobre os premios poden descargarse máis abaixo.

Actividades artísticas e de lecer

Outro dos obxectivos da campaña de Nadal é ofrecer alternativas de lecer para nenas e nenos e tamén para adultos, para axudar a realizar as compras de Nadal ou para que tamén resulten máis divertidas. Este ano, as actividades terán lugar en dous espazos diferentes: na Praza do Concello e no Mercado Municipal. Na Praza do Concello (no Mercado en caso de condicións meteorolóxicas adversas) será a terceira edición de Somos rúa, facemos arte, un programa de achegamento á creación artística no que se “fai arte” no espazo público. Arte contemporánea, música e danza en tres días intensos entre o venres 27 e o domingo 29 de decembro, nos que haberá tamén citas para nenas e nenos, que poderán participar na realización de esculturas colaborativas.

No primeiro andar do Mercado haberá xogos e obradoiros infantís do xoves 2 ao domingo 5 de xaneiro. O acceso é libre e gratuíto de 12 a 14 e de 17 a 21 horas, agás o domingo 5 de xaneiro en que será unicamente pola mañá. Piscina de bolas, rocódromo inchable, criquet de animais, obradoiros de pinzas ou de espumas… son só algunhas das citas para as máis cativas e cativos que atoparedes no Mercado de Carballo.

Decoración de Nadal

Ademais das bandeirolas de anos anteriores, nesta campaña haberá tamén mini banners para colocar diante de cada comercio participante na campaña, así como chapas co logo Agasalla Carballo para as dependentas e os dependentes das tendas.

Toda a campaña complétase con elementos decorativos no Xardín Municipal, na rúa Coruña, na rúa Valle Inclán e no acceso á rúa Colón: un candil, un trineo con renos, uns cascanoces e un simpático boneco de neve que xa están sendo os protagonistas dos selfies de Nadal de veciñanza e visitantes. E tamén con catro abetos de 5 metros de altura na rúa Barcelona que serán adornados nos próximos días e que completarán o decorado de Nadal.

Presentación

Os abertos

Os abertos "Abeis Normandiana", que se colocaron hoxe, miden ata 5 metros de alto e terán iluminación de Nadal

A campaña presentárona esta mañá na Casa do Concello o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xose Regueira; e as técnicas de Promoción Económica, Paula Lema, e Turismo, Patricia Mañana.

Regueira salientou as novidades de Agasalla Carballo: “É unha campaña de corte clásico, de impacto en medios e máis de visualización e decoración, e deixamos xa a estratexia do Semecachadescóntovos das pasadas edicións. As novidades deste ano van tamén no que se lle chama ‘espírito navideño’, que é complementar a iluminación con decorados de Nadal, que xa están instalados polas rúas do centro da vila, e tamén colocaremos catro abetos de 5 metros de porte na rúa Barcelona”.

“Pero a campaña de Nadal”, engadiu, “pretendemos que vaia máis alá do que é a decoración e o que intentamos é que haxa unha oferta cultural dabondo atractiva para toda a familia durante estes días nos que nós recomendaremos que a xente non marche mercar a outros lados”. “A nosa concellaría o que quere transmitirlle aos veciños é que Carballo é un centro comercial; evidentemente, non ten teito pero si todo o que ofrecen outros centros comerciais aos que non lle temos nada que envexar”, rematou.

Paula Lema debullou polo miúdo as propostas da campaña, xa expostas polo concelleiro. “Son diversas e con moitas novidades porque entendemos que os obxectivos deben abarcar non só os comercios que participan na campaña (que por cuestións organizativas non poden ser máis de cen), senón que quixemos actuar tamén na rúa para que o ambiente favorecese tamén aos comercios que non puideron participar e conseguir acadar o obxectivo principal da campaña: que Carballo sexa un bo lugar para mercar e para agasallar ás familias”.

Evencio Ferrero felicitou ao departamento de Promoción Económica “pola súa capacidade para innovar neste tipo de campañas e mellorar as de anos anteriores”. “Este esforzo -desexou- ten que servir para que o comercio carballés incremente as súas vendas, porque o comercio local é o que constrúe unha estrutura económica moita máis sólida, moito máis consolidada, de máis confianza e de familiaridade”.

“Que participe un número tan elevado de establecementos (que non poden ser máis por razóns técnicas que xa se explicaron)”, explicou, “fala do impacto que pode ter unha campaña coma esta no conxunto do comercio. O alcalde rematou facendo “un chamamento para que Carballo sexa ese centro comercial aberto, que a xente veña e merque e faga Carballo pensando que ten que ser un sitio de referencia permanente”.

Descargas

Compartir: