Inicio Carballo ao día Hemeroteca Case cen persoas participaron nas sesións...

Case cen persoas participaron nas sesións informativas sobre a couza da pataca

Noicela é, polo momento, a única parroquia afectada pola prohibición de plantar patacas

Venres 13 de decembro do 2019 Carballo ao día

Unha das sesións informativas tivo lugar no Centro Social de Vilela

Unha das sesións informativas tivo lugar no Centro Social de Vilela

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica nesta resolución da Consellería do Medio Rural a declaración da parroquia de Noicela como zonas infestada pola couza da pataca. Técnicos do departamento autonómico achegáronse este xoves ata os centros sociais de Imende e Vilela para explicar á veciñanza as consecuencias desa declaración, que implica a prohibición de plantar só en Noicela pero que tamén afecta ás parroquias limítrofes. Case cen persoas participaron nas sesións informativas, ás que tamén asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.

Na parroquia de Noicela, ao igual que nas larachesas de Lendo e Caión, que tamén están infestadas, só se poderá adquirir para consumo propio tubérculo de fóra desa zona embolsado e etiquetado preparado para o consumidor final, precisamente porque o movemento de pataca a granel estará prohibido, igual que no resto de concellos demarcados.

Zona tampón

A maiores, para que o insecto non se estenda, establécense mediante a citada resolución zonas tampón nas parroquias limítrofes ás afectadas. Nelas tomaranse medidas específicas, como que os agricultores deberán comunicar, inmediatamente despois da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido para ese fin.

Para a produción de pataca nestas zonas cualificadas como tampón, será preciso aplicar as medidas establecidas no Real decreto 197/2017 publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, tales como un tratamento fitosanitario durante a fase de tuberculinización e antes da colleita. As patacas recollidas non se poderán dedicar a semente mentres a praga non se dea por erradicada. Así mesmo, o seu movemento realizarase sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla.

No caso dos comercializadores, para a súa produción aplicaranse outras medidas a maiores, recollidas tamén na mesma normativa, entre as que se atopan a instalación de mallas tupidas e de trampas de captura de tecia nos almacéns, así como a necesidade de mover as patacas co seu correspondente pasaporte sanitario.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural establecerá as medidas necesarias para evitar a propagación deste organismo a outras zonas produtoras, reforzando a rede sistemática de puntos de trampeo existente para evitar a súa propagación ás parroquias lindeiras. Neste sentido, dende as Administracións faise un chamamento á colaboración da veciñanza para acatar as indicacións e evitar que a couza continúe estendéndose.

Ligazóns

Compartir: