A PROPOSTA ROZA OS 26 MILLÓNS DE EUROS
O orzamento do 2020 reforza o papel do Concello de Carballo como un modelo de prestación de servizos e políticas sociais
Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron o documento que lles foi entregado xa aos grupos da oposición e que será debatido no pleno do día 23
Domingo 15 de decembro do 2019 Carballo ao día
Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron a proposta de orzamento
A corporación municipal aprobará o día 23, en pleno extraordinario, o orzamento para o ano que vén, que acada os 25.972.402,37 euros, case millón e medio máis que este ano. O documento xa lles foi entregado esta semana aos grupos da oposición, que volverán a reunirse en comisión a semana que vén, por segunda vez antes de que se leve a cabo o debate plenario.
Belén Lendoiro: “O goberno quere seguir mantendo a marca Carballo, a marca da humanización, os servizos, a atención social, a participación veciñal, os investimentos... E todo iso sen tocar impostos nin taxas”
O alcalde e a concelleira de Facenda realizaron unha exposición dos números recollidos no primeiro orzamento deste mandato, que mantén unha liña de continuidade con respecto ao anterior para seguir apostando polas “políticas referendadas polos carballeses e as carballesas en maio”, tal como comentou Belén Lendoiro. E con ese obxectivo preséntase unha proposta que reforza aínda máis o papel do Concello de Carballo como “referente na prestación de servizos” e nas súas políticas sociais. “O goberno quere seguir mantendo a marca Carballo, a marca da humanización, os servizos, a atención social, a participación veciñal, os investimentos... E todo iso sen tocar impostos nin taxas”, apuntou a concelleira.
O Concello de Carballo incrementa os seus ingresos grazas ao aumento das transferencias do Estado, as altas no IBI de urbana e o ICIO, reflexo da boa evolución do noso concello. Tamén hai máis recursos para o servizo de axuda no fogar porque se prestarán máis horas de atención, o cal, por outra banda, supón máis gasto tamén. E, seguindo co orzamento de gastos, froito da maior actividade urbanística incorpórase unha nova praza para a Oficina Técnica Municipal no capítulo de persoal, que se incrementa un 5,26% porque tamén está previsto cubrir 5 postos de administrativos/as.
O persoal supón un 32% do gasto do Concello de Carballo, pero o apartado destinado ao mantemento dos servizos públicos, que cada vez son máis e de máis calidade, acada o 41,91%. Cultura, deporte, educación, emprego, formación, axudas a entidades e os servizos sociais forman parte das políticas sociais prioritarias para o goberno municipal, e para elas destinamos a outra porcentaxe máis importante dos recursos municipais.
Evencio Ferrero: “Durante o ano 2020 vai haber incorporacións ao orzamento e seguro que superaremos os 30 millóns, pero o que facemos é unha previsión realista do que hai nestes momentos”
Carballo é tamén un concello referente en investimentos en infraestruturas, e no 2020 manterá esa posición. “Durante o ano 2020 vai haber incorporacións ao orzamento e seguro que superaremos os 30 millóns, pero o que facemos é unha previsión realista do que hai nestes momentos”, dixo o alcalde, Evencio Ferrero. Xa de partida, o capítulo 6 (investimentos reais) increméntase nun 4,75%, e sitúa o investimento medio por habitante en 115,68 euros, cinco euros máis que o ano pasado, e seguimos por riba da media de concellos do mesmo tamaño.
Entre os proxectos que xa contan con consignación no orzamento destaca a obra de ampliación do cemiterio municipal, “que é urxente”, dixo o alcalde, e que suporá case 700.000 euros. Tamén se inclúen as achegas municipais para os dous proxectos europeos solicitados, Cicl-Ando Carballo e Carballo Sostible, que superarían os 4 millóns de euros, aínda que o goberno optou por non reflectir o montante total no orzamento. En total, os investimentos reais acadan os 3.616.371,29 euros.