Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobados os proxectos do Plan Único POS+...

O CONCELLO DE CARBALLO INVESTIRÁ 1.300.591,56 €

Aprobados os proxectos do Plan Único POS+ 2020 cos votos a favor do BNG e o PSOE e as abstencións de PP e TeGa

As actuacións previstas van orientadas á extensión do ciclo de auga e a mellora da rede viaria tanto na zona rural coma na urbana

Luns 16 de decembro do 2019 Carballo ao día

A sesión durou pouco máis de media hora

A sesión durou pouco máis de media hora

A corporación municipal de Carballo aprobou no pleno celebrado esta noite a distribución dos fondos que corresponden ao noso concello dentro do Plan Único POS+ 2020. O PSOE apoiou a proposta do goberno do BNG, mentres que o PP e Terra Galega abstivéronse.

Deste xeito, o Concello de Carballo destinará 603.452,44 euros da achega provincial procedente do superávit da Deputación a gasto corrente, liberando deste xeito ese mesmo importe dos fondos municipais para investimentos propios, axilizando os procesos de contratación e execución. Os outros 171.006,65 euros que completan a achega provincial do 2019 destinaranse a investimentos financeiramente sostibles, en concreto á extensión da rede de abastecemento de auga aos lugares de Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns).

No Plan Único POS+ figuran, ademais, 557.911,81 euros correspondentes ao préstamo provincial 2020. Con esta cantidade acometeranse tres proxectos: a mellora da capa de rodadura da vía de Canosa (Rus) a Pereiro Vello (Entrecruces) con aglomerado, por 304.445,69 euros; a reurbanización da rúa Tarragona, por 65.200,11 euros, e a reurbanización da rúa Perú, por 188.266,01 euros.

A corporación municipal aprobou tamén o Plan Complementario 2020, que inclúe obras por importe de 1.924.107,72 euros. Son as seguintes:

  • Rede de saneamento e abastecemento nos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega (Bértoa): 368.311,59 euros
  • Redes de saneamento e abastecemento nos lugares de O Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda (Berdillo): 275.001,32 euros
  • Conservación e mellora de rúas no núcleo rural tradicional de Os Vilares (Sísamo): 229.249,03 euros
  • Mellora da capa de rodadura na vía das Labradas á Ponte de Bértoa: 142.639,07 euros
  • Rede de saneamento e abastecemento de auga en Cambre de Lema e Cambrelle (Razo): 416.971,86 euros
  • Rede de saneamento no Igrexario de Lema e en Arnados (Razo): 128.097,05 euros
  • Reforma da Escola de Arrabais para centro social no barrio da Milagrosa: 147.317,86 euros
  • Accesibilidade en beirarrúas das zonas da Milagrosa e a avenida Ponte da Pedra: 216.519,94

O Concello entregou un calendario a cada membro da corporación

O Concello entregou un calendario a cada membro da corporación

Na sesión de hoxe, na que se entregou un exemplar do calendario editado pola Concellaría de Normalización Lingüística, tamén se deu conta do cambio de representantes do PP en órganos colexiados tras a toma de posesión de Beatriz Neira. Ademais, TeGa presentou preguntas sobre diferentes proxectos e servizos municipais. O pleno rematou pouco despois das 21.00 horas. A corporación volverá a reunirse o luns que vén para debater o orzamento para o 2020.

Compartir: